Greenalia morde no territorio cos dentes da Xunta

Información
10 Marzo 2023 - Eólicas - 2797 votos
social youtube xornalgalicia   feed-image

LEMBRA A NOSA CAMPAÑA do FONDO PARA A DEFENSA XURÍDICA DAS MONTAÑAS DA LIMIA-XURÉS-CELANOVA en migranodearena.org -> https://bit.ly/3KBV0je

 

 

A Declaración de Impacto Ambiental favorábel do proxecto eólico Lamas II supón que, por riba de toda a normativa de protección ambiental e coa pasividade das diferentes Administracións (empezando polos concellos de Baltar, Os Blancos e Calvos de Randín), Greenalia morde no territorio cos dentes da Xunta ao conseguir o primeiro permiso, a DIA, para levar adiante un proxecto que, tras este trámite, queda limitado a 1 aeroxerador de 200 metros de altura para o que non conta nin con subestación nin con liña de evacuación, xa que o seu desenvolvemento estaba vinculado ao PE Lamas de Feás, que decaeu a finais de xaneiro cunha DIA negativa.

 

Greenalia recibiu onte, 9 de marzo, a declaración, por parte do Consello da Xunta e ao abeiro da Lei de Depredación de 2017, para este proxecto de "iniciativa empresarial prioritaria" para subministro de electricidade á Alcoa en San Cibrao (Lugo), a 200 quilómetros de distancia. Mediante esta declaración, a Xunta reduce á metade os prazos para a tramitación do proxecto.

 

Hoxe, Greenalia recibiu unha DIA favorábel a este proxecto, situado e vinculado xunto ao de Lamas de Feás, da mesma compañía, que en xaneiro pasado decaeu a causa dos impactos medioambientais e paisaxísticos que o proxecto Lamas II salva reducindo de 3 a 1 o número de aeroxeradores, mentres mantén a mesma poligonal sen que iso avalíe na DIA.

 

STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA considera que a Xunta de Galiza está a sacrificar as nosas montañas para lle regalar a electricidade a Alcoa, que a Xunta vai sen rumbo e se contradí en apenas un mes con dúas DIA en sentido distinto para un mesmo proxecto, artificialmente fragmentado por Greenalia, e que coa avaliación favorábel de Lamas II abre a porta a futuros macroproxectos nunha área na que Patrimonio Natural considera que non caben polígonos eólicos e mesmo o Instituto de Estudos do Territorio advirte impactos paisaxísticos severos.

 

STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA está a desenvolver unha campaña de recollida de diñeiro para o FONDO PARA A DEFENSA XURÍDICA DAS MONTAÑAS DA LIMIA-XURÉS-CELANOVA que xa vai pola terceira semana e leva recadado máis do 80% do obxectivo. A campaña estará aberta até o 30 de abril e as previsións son superar folgadamente o reto inicial. Ese fondo servirá para pagar os estudos técnicos e o asesoramento xurídico precisos para enfrontar proxectos como Lamas II diante da Xustiza ordinaria.

 

STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA lembra que, por moita declaración de “interese empresarial” poida emitir a Xunta, o interese social deste proxecto para as veciñas e veciños de Calvos de Randín, Os Blancos e Baltar, é NINGÚN.

 

Así o manifestaron presentando máis de 2.500 alegacións contra os proxectos Lamas de Feás e Lamas II, entendendo que son un único macropolígono que tería impactos moi graves no medio natural, na saúde das persoas, no patrimonio e na paisaxe. E dá igual que os poñan todos xuntos que dun en un. As nosas aldeas e as nosas montañas, como A Aguioncha ou Pena Loba, non son sitio para chantar eólicos de 200 metros de alto.

Categoría de nivel principal o raíz: Indice corrupción sistémica de Galicia
Categoría: Eólicas
Visto: 2797