Información
Cloacas

O maior vertedoiro de pneumáticos de Galiza está en Lendo (A Laracha)

Información
19 Mayo 2016 3458 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

Moitos anos acumulando millóns de pneumáticos

Segundo os dados que publicaba hai uns días uns días un xornal, son unhas 35.000 toneladas de pneumáticos as que hai acumuladas nas instalacións do grupo Campo, en Lendo (A Laracha). Son moitos os anos que se levan amoreando as rodas neste lugar, décadas diría eu. A maior parte da veciñanza da Laracha é coñecedora desta situación desde hai moito tempo.

Unha situación pola que tamén ten preguntado o BNG ao goberno municipal hai xa moitos anos, sendo a resposta que alí só se estarían armacenando os pneumáticos para seren logo tratados a outra planta deste grupo empresarial noutro lugar; hai moitos anos xa desta explicación, e o certo é que os pneumáticos usados continúan alí, amoreados sen máis, expostos a unha catástrofe como a que sucedeu en Seseña. Sempre existiu entre parte da veciñanza a sospeita de que se queimaban rodas na planta de Campo, podíase escoitar ese comentario en moitas ocasións, mais non vou afirmar que así sexa pois non teño probas diso.

É lexítimo que a xente poida pensar que se queiman rodas cando hai tantos millóns acumulados, e cando ven o fume negro que moitas noites sae da cheminea desa fábrica. Pouco coñecida é a actividade que se fai nas instalación deste grupo empresarial en Lendo, aparte da fabricación de ladrillo. Desde hai moitos anos, desde a década dos 90, nestas instalacións quéimanse os aceites usados de toda Galiza que se recollen en talleres, portos, etc., aceites usados de vehículos que xestiona a empresa PMA. Poucas actividades industriais haberá en Galiza máis contaminantes que a de queimar aceites usados de todo tipo de vehículos (e mesmo de transformadores).

E moi pouco se ten falado destas cousas, certamente. Pouco se fala tamén dos elevados índices de determinadas enfermidades na zona.

Estas instalacións do grupo Campo en Lendo parece ser que teñen licenza para tratar todo tipo de reisduos tóxicos e perigosos. Unhas instalacións que á vista non semellan moi modernas, nen parece que dispoñan de moitas medidas de seguridade. Calquera persoa que pase pola autovía A Coruña-Carballo á altura da fábrica pode comprobar a modernidade das instalacións en cuestión.

Por certo, lembremos que no seu historial tamén figura a acumulación de balsas de chapapote procedente do Prestige. Agardo que non se produza nunca unha desgraza como a acontecida en Seseña, pero non estaría de máis que as administracións adoptasen algún tipo de medida preventiva.

Pouco se fala das cousas que suceden nas instalacións deste grupo empresarial en Lendo, mais a veciñanza ben coñece (e leva padecido) o seu historial e a súa situación.