- Os parques eólicos suspendidos cautelarmente no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) son Monte Festeiros, Outeiro Grande e As Penizas.
- A proximidade das infraestruturas a espazos de Rede Natura foi determinante para a adopción das medidas cautelares.
Santiago de Compostela, mércores 6 de novembro de 2024.- Recentemente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) acolleu a solicitude de ADEGA de paralización cautelar de tres proxectos macroeólicos na comarca de Tabeirós: Monte Festeiros, Outeiro Grande e As Penizas. Esta determinación do tribunal galego supón que, malia a contar coa autorización administrativa e de construción da Xunta de Galiza, as obras destes polígonos industriais non se poderán iniciar ata que non se ditamine sentenza sobre os recursos contencioso-administrativos interpostos pola organización ecoloxista ADEGA e os colectivos afectados contra as devanditas autorizacións, cuxa efectividade, queda deste xeito suspendida temporalmente.
O TSXG xustifica as medidas cautelares ditadas en base aos indicios probados por ADEGA de que as obras destes parques eólicos poderían ocasionar danos irreparábeis no medio ambiente pola afectación a áreas de especial interese paisaxístico, a determinadas especies de avifauna e hábitats protexidos, así como pola proximidade das infraestruturas a espazos naturais protexidos como Rede Natura. De feito, o alto tribunal galego xa se ten pronunciado, con motivo do frustrado parque éolico “O Oribio” sobre os riscos ambientais que poden comportar as instalacións eólicas presentes nas inmediacións de zonas de Rede Natura ou que sexan lindantes ou contiguas aos espazos naturais protexidos, pola necesidade de garantir a continuidade e coherencia na preservación dos hábitats protexidos.
Así mesmo, chama a atención sobre que o propio Ministerio de Transición Ecolóxica do goberno do Estado desaconsella a instalación de novos parques eólicos nesas zonas, onde ademais están presentes especies vulnerables ou en perigo de extinción, tal e como indican os colectivos demandantes nos informes que acompañaron as solicitudes de paralización cautelar dos proxectos.
P.E. Monte Festeiros: alto impato nun corredor ecolóxico
Os 10 eólicos de ata 180 metros de altura deste parque industrial estarían localizados nos concellos de Silleda e Forcarei, cunha potencia total de 48 MW impulsados pola promotora A.V. Monte Festeiros SLU. O macroproxectos sitúase entre dous espazos naturais protexidos como Rede Natura, polo que constitúe un corredor ecolóxico moi singular no que se conserva un rico patrimonio natural e cultural. Proxéctase aos pés da Serra do Candán, no nacemento do río Umia e do Toxa, e próximo ás Brañas de Xestoso. Precisamente, a proximidade das instalacións proxectadas a estes espazos naturais protexidos é un dos principais argumentos do TSXG para decretar a paralización cautelar do PE Monte Festeiros. Hai aeroxeradores que se pretenden colocar a menos de 300 metros da Rede Natura. ADEGA tamén chamou a atención sobre a pretensión de situar aeroxeradores a poucos metros de áreas que foran propostas para ampliar a rede de espazos naturais protexidos nos anos 2008 e 2011, co gallo de aumentar a representatividade dos hábitats de matogueira, chaves para a conservación das aves rapinas esteparias. Nesta contorna do Mosteiro de Aciveiro, xa intervida parcialmente pola industria eólica, atópase ademais a mellor representación de turbeiras acedas de Galiza, na Lagoa Sacra de Olives. Tamén están presentes especies de animais e vexetais declaradas en estado de vulnerabilidade como a tartaraña cincenta, o sisón, a orquídea maculata, a droseira ou a herba do algodón.
P.E. Outeiro Grande: afección ás Brañas de Xestoso, turbeiras e humidais
A promotora A.V. Outeiro Rubio, SLU, proxecta este macroeólico de 5 aeroxeradores de 180 metros de altura, cunha potencia de 18 MW, nos concellos de A Estrada e Forcarei. As instalacións eólicas están previstas no límite da Zona de Especial Conservación e Rede Natura Brañas de Xestoso, a cal acolle a emblemática Lagoa Sacra de Olives. Como no caso anterior, este feito implica unha potencial interferencia cos obxectivos ambientais dos espazos naturais protexidos, o cal pode redundar nun dano irreversíbel. Ademais, este enclave acolle especies de flora e fauna xa ameazadas e tamén hábitats naturais que hoxe en día se consideran prioritarios para afrontar os efectos do cambio climático, como son as brañas, turbeiras, prados húmidos, carballeiras ou bosques de ribeira. Os aeroxeradores situaríanse a escasos 500 metros de núcleos de poboación, constituíndo unha grave ameaza para a calidade de vida e a saúde da veciñanza.
P.E. As Penizas: elevado risco para o patrimonio cultural e natural
Este macroproxecto eólico promovido por Greenalia Wind Power SLU (e agora de Engie Proyecto As Penizas SLU) pretende instalar 6 aeroxeradores de 200 metros de altura, cunha potencia total de 31,2 MW nos montes de Cercedo-Cotobade e Forcarei, poñendo en grave risco unha grande riqueza arqueolóxica. Ademais de ADEGA recorreron este polígono outras plataformas veciñais e comunidades veciñais de montes en man común, grazas aos cales se descubriron na zona afectada máis de 20 mámoas, tres “Eiras dos Mouros”, petróglifos e lagoas artificiais que, malia a non estar catalogados, resistiron milleiros de anos no lugar e agora poderían acabar aniquilados polas infraestruturas eólicas. Tamén atravesa a zona a Geira dos Arrieiros, unha variante do Camiño de santiago.
Como nos anteriores casos, prevé instalacións eólicas a menos de 2km da Serra do Candán, área de Rede Natura, e ademais afectaría a unha especie en perigo de extinción, o millfre real (Milvus milvus), e outras vulnerables como a tartaraña cincenta ou a gatafornela. No caso do PE As Penizas, o tribunal galego tamén considera de relevancia a proximidade das instalacións eólicas a numerosas fontes de auga de abastecemento da poboación, así como a presenza de varias zonas húmidas non catalogadas nin estudadas na Declaración de Impacto Ambiental que “resultan relevantes para os efectos ambientais, por albergar especies obxecto de protección no Catálogo Galego de Especies Ameazadas”, como a ra vermella galega.
Solidariedade do pobo para facer xustiza!
ADEGA agradece toda a solidariedade recibida por parte da veciñanza, das comunidades veciñais de montes, doutros colectivos e de centos de persoas que fixeron doazóns ás campañas de recadación #TiPodesParalos, e que permitiron sufragar os gastos dos recursos contencioso-administrativos interpostos no TSXG contra estes tres proxectos macroeólicos, así como tamén conquerir a súa paralización cautelar.
|