Información
Galicia

Elixio Rivas recibe a medalla de ouro da provincia de Ourense polo seu labor a prol da etnografía e da lingua galegas.

Información
02 Abril 2019 213 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

O filólogo e etnógrafo ourensán Elixio Rivas Quintas recibiu a medalla de ouro da provincia de Ourense, un galardón outorgado pola institución provincial que, nesta ocasión, rende homenaxe e pon en valor as importantes achegas de Elixio Rivas nos ámbitos da toponimia, a etimoloxía e a lingua galegas, un tesouro cultural que este "ourensabio" soubo investigar, preservar e impulsar como poucos, polo respecto á nosa historia, a nosa fala e ás nosas tradicións, que marcaron sempre a súa dilatada carreira profesional".

 

Pola súa banda, Elixio Rivas, quen agradeceu a máxima distinción, dixo que dedicou toda a súa vida profesional á investigación etimolóxica, e destacou que o topónimo "Ourense" data de hai 4.000 anos e procede da "auga", "unha auga, que na nosa provincia ten, aínda, un maior significado polo seu carácter termal".

Rivas expresou que a súa tarefa investigadora ao longo de décadas "foi a de recoller o legado dos últimos herdeiros da tradición rural galega", anos de traballo de campo, viaxes e investigación académica nos que analizou documentos e achegas etnográficas que permitiron enriquecer á nosa cultura con 16.000 palabras máis no diccionario galego; 45.000 novas definicións e máis de 10.000 páxinas de toponimia, onomástica e historia de Galicia. "Quédame a satisfacción de ter podido rescatar para a memoria o labor de 490 ourensáns que non ficarán no esquecemento, e outros temas máis, anacos da nosa terra, que non merecen ser fundidos no anonimato dun mundo alleo e inhumano no que todo semella difuminado e tragado pola técnica e as máquinas sen alma", dixo Rivas.

O acto contou coa laudatio a cargo de José Antonio Quintas, vicepresidente da asociación cultural "Amigos do Camiño Mozárabe-Vía da Prata Ourense", e do escritor e membro da RAG Xesús Ferro Ruibal. A concesión do galardón foi aprobada en sesión plenaria pola corporación provincial o pasado 25 de xaneiro, ditaminando conceder a Eligio Rivas a dita distinción.

A Medalla de Ouro da Provincia de Ourense que recibiu hoxe Eligo Rivas súmase as distincións que xa ten recibido, como o Premio Otero Pedrayo en 1980 pola súa obra A Limia, o Premio "Taboada Chivite" (1980) ou a Medalla Castelao da Xunta de Galicia (2000), entre outras.

 

Biografía

Elixio Rivas (Fondo de Vila, Xunqueira de Ambía, 1925) é licenciado en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela (1975) e doutor na mesma especialidade (1979). Especialista en Toponimia, a súa tese de doutoramento sobre esta materia e os seus traballos de investigación etimolóxica son un referente nos estudos universitarios referidos a esta temática. É membro da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia desde 1978 e fundador e presidente da Asociación Galega de Onomástica da Universidade de Santiago, así como correspondente da Real Academia da Historia.

Autor do gran proxecto sobre o léxico rural do noroeste de España, con 25 libros sobre esta temática, Rivas levou a cabo, ademais, iniciativas como a restauración da ermida de San Mamede; a creación da Aula da Natureza en O Caudillo; os traballos a prol da restauración do Camiño Mozárabe de Santiago, e a creación e restauración das pezas do Museo Etnográfico situado en Montemedo, Os Milagros.

 

Otros articulos relacionados.....