Información
Galicia

Baltar se alexa de Feijóo e do PPdeG e se suma ao BNG aprobando instituír o "Día da Galicia Mártir"

Información
30 Marzo 2019 680 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

  • A corporación provincial defende que esta efeméride teña carácter autonómico e se celebre o 17 de agosto de cada ano, para homenaxear aos galegos que deron a súa vida ou padeceron o exilio por defenderen as liberdades e dereitos democráticos e do pobo galego.
  •  
  • Na sesión plenaria aprobouse tamén un expediente de modificación de créditos por importe de 8,3 millóns de euros, destacando as partidas de 875.000 € para os gastos de funcionamento do futuro Centro Galego de Innovación da FP en Ourense, e 597.804 € para o proxecto "Hay un Ourense para ti. Descúbrelo", do Plan Nacional de territorios intelixentes.

Ourense, 29 de marzo de 2019.- O pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe, na sesión ordinaria correspondente ao mes de marzo, instar ao Parlamento de Galicia a declarar e instituír como "Día da Galicia Mártir" o día 17 de agosto de cada ano, con carácter de celebración na Comunidade Autónoma de Galicia, en memoria e homenaxe de todos os cidadáns galegos que deron a súa vida ou padeceron o exilio por defenderen as liberdades e dereitos democráticos e do pobo galego, plasmados dentro do marco constitucional daquela vixente, no 1º Estatuto de Autonomía de Galicia, plebiscitado o 28 de xuño de 1936; a dar cumprimento expreso da Proposición non de Lei nº 07/PNP-0165 (9078), aprobada no Pleno do Parlamento de Galicia, na súa sesión do 26 de decembro de 2006; publicada no BOPG nº 301, do 03.03.2007; e a promover institucionalmente a celebración de actos protocolarios da devandita rehabilitación pública e política.

Por outra banda, na sesión plenaria de hoxe -na que tomou posesión como deputado provincial do Grupo Popular, Manuel Pedro Fernández Moreiras-, aprobouse tamén o expediente de modificación de créditos n.º 2/2019 por importe de 8.325.172 euros, destacando as partidas de 875.000 € para os gastos de funcionamento do futuro Centro Galego de Innovación da FP, que se situará nas instalacións da antiga Escola Fogar de Mariñamansa, que conta cunha superficie construída de 2.600 metros cadrados; e outra achega de 597.804 € para o proxecto "Hay un Ourense para ti. Descúbrelo", do Plan Nacional de territorios intelixentes.

A totalidade dos acordos plenarios aprobados hoxe son os seguintes:

DELEGACIÓN NA DEPUTACIÓN DE OURENSE DO EXERCICIO DAS COMPETENCIAS DE RECADACIÓN EN VÍA EXECUTIVA DAS MULTAS COERCITIVAS DO CONCELLO DE BEARIZ

Acordo:

Aceptar a delegación de competencia efectuada polo Concello de Beariz a favor da Deputación Provincial, mediante acordo de 21 de febreiro de 2019, para a recadación executiva das multas coercitivas do artigo 100 c) da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, nas condicións recollidas no acordo de delegación do Concello de Beariz.

EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DOS CRÉDITOS ORZAMENTARIOS E DAS BASES DE EXECUCIÓN DO ORZAMENTO DO EXERCICIO 2019 MEDIANTE SUPLEMENTOS DE CRÉDITOS E CRÉDITOS EXTRAORDINARIOS N.º 2/2019

Acordo:

Aprobar inicialmente o expediente de modificación dos créditos orzamentarios e das bases de execución do orzamento do exercicio 2019 mediante suplementos de créditos e créditos extraordinarios n.º 2/2019, que ascende á cifra total de 8.325.172 euros e que se financian mediante recursos procedentes do remanente de tesourería.

De acordo co artigo 169 da Lei reguladora das facendas locais, por remisión do artigo 177.2 do mesmo texto legal, o expediente será exposto ao público, tras o anuncio no Boletín Oficial da Provincia, por 15 días, durante os cales os interesados poderán examinalo e presentar reclamacións ante o Pleno. O expediente considerarase definitivamente aprobado se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.

RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITOS CON CARGO AO ORZAMENTO DE 2019

Acordo:

Autorizar a imputación aos créditos de gasto do orzamento corrente de 2019 de diversas facturas que ascenden a un importe total de 215.086,95 euros.

MODIFICACIÓN DAS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA BENOURENSE DE COOPERACIÓN ECONÓMICA COAS ENTIDADES LOCAIS DA PROVINCIA PARA O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR BÁSICO PARA O EXERCICIO 2019

Acordo:

PRIMEIRO: Conceder un prazo, adicional de cinco (5) días contados desde o seguinte á publicación deste acordo no BOP para que os concellos e mancomunidades que non presentaron a súa solicitude de adhesión ao Programa de Cooperación BenOurense, axuda no fogar básico, para o exercicio 2019 poida presentala.

SEGUNDO: Modificar as seguintes bases do Programa Programa BenOurense de Cooperación Económica coas Entidades Locais da Provincia para o Servizo de Axuda no Fogar Básico no exercicio 2019:

Base II.- Beneficiarios, que pasa a ter a seguinte redacción:

Tendo en conta o disposto no artigo 31.3 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, modificado polo Decreto 148/2014, de 6 de novembro, a Deputación subvencionará, a través deste programa, ás entidades locais da provincia de Ourense, de menos de 20.000 habitantes, que presten o SAF básico, tanto nos supostos de xestión directa como de xestión indirecta do servizo.

Considerarase SAF básico para os efectos deste programa, aquel cuxas persoas usuarias accedan ao servizo en réxime de libre concorrencia. Consideraranse tamén como persoas usuarias en réxime de libre concorrencia ás persoas que teñan recoñecido o estatuto de persoas dependentes no marco da lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia, en tanto o seu programa de atención individualizada (PIA) non teña efectividade ou devandito programa non contemple ou non poida dar cobertura ao número de horas de atención domicilia que, a criterio dos servizos sociais municipais sexa o necesaria para a persoa usuaria, podendo xustificarse a cargo desta subvención aquelas horas que sexan cubertas a través do sistema de libre concorrencia ás devanditas persoas beneficiarias".

BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE COOPERACIÓN COS CONCELLOS BENOURENSE INFANCIA PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS A PUNTOS DE ATENCIÓN Á PRIMEIRA INFANCIA 2019

Acordo:

1º.- Aprobar definitivamente as Bases reguladoras do Programa de cooperación da Deputación Provincial de Ourense cos concellos "BenOurense Infancia", para a concesión de subvencións a puntos de atención á primeira infancia (PAI) 2019, co seguinte contido:

Constitúe o obxecto destas bases a regulación da convocatoria pública, por parte da Deputación Provincial de Ourense, para a tramitación e concesión de subvencións do Programa "BenOurense Infancia" en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ás corporacións locais para o mantemento dos "Puntos de Atención a Primeira Infancia (PAI)".

Para os efectos das presente convocatoria enténdese como PAI aqueles establecementos de carácter diúrno e titularidade municipal, situados en concellos de menos de 5.000 habitantes e encadrados nos servizos sociais especializados dos concellos, que teñen por finalidade prestar apoio aos pais, titores e gardadores dos nenos e nenas entre 3 meses e 3 anos e que se encontran regulados polo Decreto 329/2005, do 28 de xullo. Exceptúanse aqueles servizos xestionados polo Consorcio Galego de Benestar da Xunta de Galicia ou entidade que poida substituíla.

A través deste programa a Deputación subvencionará gastos de persoal, gastos de mantemento dos centros e demais gastos inherentes ós servizos prestados dentro do PAI.

Para as subvencións concedidas nesta acción resérvase crédito na aplicación 2311/46201 do orzamento xeral da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2019 por importe de 125.000,00€ (cento vinte cinco mil euros).

Poderán obter subvención os concellos de menos de 5.000 habitantes da provincia de Ourense, que teñan PAIs de titularidade municipal e que non estean xestionados polo Consorcio Galego de Benestar da Xunta de Galicia ou entidade que a substitúa.

Os concellos interesados en participar deberán comunicar a súa adhesión á Deputación Provincial, mediante resolución da alcaldía (ou órgano delegado, se é o caso), na que se manifeste expresamente a asunción das obrigas e compromisos previstos no Programa, para o que deberán utilizar obrigatoriamente os modelos facilitados pola Deputación e que deberán ser descargados na aplicación informática http://benourense.depourense.es/pai/index.php

TRANSPORTE PÚBLICO POR ESTRADA

Acordo:

1º.- Demandar á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a avaliación, co máximo rigor, das suxestións e aportacións presentadas ao Plan de Transporte Público de Galicia durante a exposición pública polos concellos, pois son os mellores coñecedores das necesidades concretas de mobilidade, así como tamén as presentadas polos demais axentes sociais, dando unha resposta axeitada ás achegas.

2º.- Solicitar que se intensifique aínda máis a colaboración transversal entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade cos outros departamentos do Goberno da Xunta, e demais administracións públicas, para acadar un transporte público de calidade, ao que teñen dereito os cidadáns con independencia de que residan na cidade na vila ou no rural.

3º.- Dar traslado do presente acordo a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

MULLERES RURAIS

Acordo:

-Que a vindeira corporación provincial continúe liderando as políticas do reto demográfico, afondando na importancia das mulleres no mundo rural.

DÍA DA GALICIA MÁRTIR

Acordo:

O Pleno da Deputación insta ao Parlamento de Galicia a:

1º.- Declarar e instituír como "Día da Galicia Mártir" o día 17 de agosto de cada ano, con carácter de celebración na Comunidade Autónoma de Galicia, en memoria e homenaxe de todos/as os/as cidadáns e cidadás galegos/as que deron a súa vida ou padeceron o exilio por defender as liberdades e dereitos democráticos e do pobo galego, plasmados dentro do marco constitucional daquela vixente, no 1º Estatuto de Autonomía de Galicia, plebiscitado o 28 de xuño de 1936.

2º.- Dar cumprimento expreso da proposición non de lei n.º 07/PNP-0165 (9078), aprobada no Pleno do Parlamento de Galicia, na súa sesión do 26 de decembro de 2006; publicada no BOPG n.º 301, do 03.03.2007.

3º.- A promover institucionalmente a celebración de actos protocolarios da devandita rehabilitación pública e política.

Otros articulos relacionados.....