Información
Galicia

Nin nos rendemos nin nos resignamos e sairemos unha e mil veces á rúa en defensa da sanidade pública destruída por Feijoo

Información
30 Marzo 2019 670 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

A Mariña é dende hai xa anos un dos epicentros das mobilizacións na defensa da sanidade pública, moi especialmente ao fío da reforma sanitaria do ano 2018, pero tamén para advertir de eivas cotiás como a falta de pediatras ou carencias no hospital. Este xoves a mobilización sanitaria mariñá volveu saír á rúa, desta volta en Burela, e foi secundada por unhas 2.000 persoas.

CIG-Saúde, un dos motores principais da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña, quere agradecerlle ás traballadoras/es e a veciñanza da Mariña a participación na manifestación de onte xoves en defensa da sanidade pública. “Xente alegre e combativa da Mariña que saíu novamente á rúa para lembrarlle a quen xestiona a nosa sanidade que estaremos agora, aquí e sempre na defensa da sanidade pública. Vai por vós!”, aseveran.
 
Denuncian que “o que ten que facer o presidente da Xunta é deixar de mentir e manipular, de recortar e de privatizar a sanidade pública da Mariña e escoitar as demandas dos mariñaos e das mariñás”.
 
Razóns para mobilizarse
 
Algunhas das razóns, explican, que nos levaron "a mobilizarnos de xeito contundente, son estas:
 
– Desmantelamento da atención primaria con falta de recursos humanos (persoal médico, pediatras, enfermaría, matronas, traballadoras sociais, PSX…) e materiais.

– PACs sen dotación adecuada de material e persoal, obrigando a que varios destes centros queden baleiros de persoal sanitario en moitas ocasións, ante a necesidade de ter que desprazarse para atender unha emerxencia.

 
– Abandono de menores e adultos ao quedar sen logopedia, fundamental para o seu desenvolvemento como persoas.
 
– Abandono de persoas con parálise cerebral e outras patoloxías ao rachar o convenio do SERGAS coa privada e deixar sen fisioterapia a centos de mariñaos e mariñás.
 
– Unha ampliación do hospital froito da presión e da mobilización social que supón máis metros cadrados, pero que non van acompañados de máis e mellores servizos nin de máis persoal. Como exemplos: a falta de resonancia nuclear magnética fixa, a falta da consulta de enfermaría de oncoloxía, a falta dun ortopantomografo para facer radiografías dentais e evitar desprazamentos a Lugo, a falta dunha consulta de cirurxía vascular, a imposibilidade de facer densitometrías, electroencefalogramas ou electromiografías aumentando as derivacións aos hospitais privados de Lugo e A Coruña non só para probas diagnósticas, tamén para intervencións cirúrxicas.
– Privatización de servizos como mantemento, historias clínicas etcétera.
Para o sindicato nacionalista, esta, e non outra, e a verdadeira sanidade de Feijóo. Mentres o PP defende que está a realizar unha magnífica xestión, un discurso soberbio e frívolo cando se xoga coa saúde das persoas. Ou como afirman agora “facemos o que podemos”.
 
“Pois non, señor Feijóo, o que está a pasar non é froito dunha fatalidade nin dunha maldición bíblica, é froito de todas as decisións do PP destes anos e dunha política de recortes continuos que ten consecuencias. 
 
Dende o sindicato nacionalista lembran algunhas das reivindicacións básicas e fundamentais para garantir una asistencia sanitaria de calidade.
 
Atención Primaria
 
Creación de prazas de persoal de tódalas categorías profesionais en xornada ordinaria e redución de cupos. Así, o cupo base de médicos e enfermería establecelo nun máximo de 1.250 tarxetas sanitarias(TSI), e 800 en pediatría. Dotar de pediatras a todos os Centros de Saúde da Mariña; incrementar os profesionais de apoio coa incorporación de Matronas, traballadores sociais, Odontólogos e hixienistas dentais, Fisioterapeutas, Logopedas, Terapeuta ocupacional, PSX...
 
De igual xeito, demandan a cobertura do 100% das ausencias en todas as categorías; dúas equipas completas enfermaría-médica en todos os PACs e dotalos de material.
 

Atención hospitalaria

 
Neste punto reclaman a recuperación da Área Sanitaria Roubada; a dotación de Resonancia Nuclear Magnética Fixa, placas dentais, electromiogramas, densitometrías óseas, electroencefalogramas, consulta de cirurxía vascular, e recuperar a implantación de marcapasos, as operacións de fimose pediátrica...
 
Dotar tamén do persoal necesario en todas as categorías existentes, e crear prazas públicas de logopedas, terapeutas ocupacionais, enfermaría da consulta de oncoloxía... Rematar coas derivacións aos hospitais privados de Lugo e A Coruña e as privatizacións de servizos hospitalarios (mantemento, historias clínicas...).

“Nin nos rendemos nin nos resignamos e sairemos unha e mil veces á rúa para que o Partido Popular teña moi claro que non imos dar nin un só paso atrás na defensa dos nosos servizos públicos como é a sanidade de todas e todos”, conclúen.
Otros articulos relacionados.....