A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón participou na cidade de Vigo, no acto de presentación da campaña en defensa da Sanidade pública galega e apoio á manifestación que terá lugar, mañá xoves 27 na cidade olívica contra os recortes e privatizacións.
A portavoz do BNG cualificou de “irresponsable” unha política que xoga coa saúde das persoas , pero o PP e Feixóo, dixo, continúan na senda das privatizacións e recortes como acontece en Vigo con 400 camas menos no Hospital Álvaro Cunqueiro. Un hospital, que por outra banda vai costar a todos os galegos e galegas “tres veces máis” porque o PP impediu que fose unha infraestrutura pública.
A nacionalista salientou que a dimisión de 25 Xefes de servizo na Área sanitaria de Vigo de Atención primaria son o resultado do malestar dos e das profesionais que non poden administrar “a miseria” á que está conducindo o Partido popular a nosa sanidade.
Pontón criticou duramente as declaracións de Feixóo referíndose a tensión que está creando a oposición ao que a nacionalista replicou que “non é a oposición quen tensiona a sanidade, esa tensión a provoca a política que recorta medios, persoal médico e sobre todo quen non ten capacidade para dialogar e escoitar os problemas dos profesionais”.
Ás dimisións dos xefes de Área, Pontón sumou a folga no CHUS e nos PACs. Todo o malestar das persoas que non poden pagar os medicamentos, que chaman para pedir cita e que tardan catro ou cinco días para acudir á Atención Primaria, ou non a conseguen porque hai miles de citas nun caixón, teñen que emerxer nas rúas de Vigo para dicir alto e claro que non imos consentir que Núñez Feixóo siga xogando coa sanidade pública.