Información
Galicia

Arranca a Vía Verde do Salnés da man dos concellos de Portas, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa

Información
02 Enero 2019 520 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

A Vía Verde do Salnés, que dará un novo uso a boa parte das infraestruturas do tren fóra de servizo en parte da liña Redondela-Santiago, deu un importante paso cara adiante coa sinatura do convenio de colaboración entre os concellos de Caldas de Reis, Portas e Vilagarcía de Arousa. No acto de sinatura participaron o alcalde de Portas, Víctor Estévez; o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey; e maila alcaldesa en funcións de Vilagarcía de Arousa, Tania García.

 

Segundo o convenio asinado esta mañá vaise acometer a primeira fase do proxecto de acondicionamento da Vía Verde do Salnés, cuxo obxectivo é proporcionar un uso alternativo á infraestrutura do ferrocarril fóra de servizo en parte da liña Redondela-Santiago de Compostela, ao seu paso polos municipios de Portas, Caldas e Vilagarcía. Deste xeito preténdese dar resposta á crecente demanda da cidadanía para dispor de servizos turísticos alternativos, que lles permitan practicar diferentes experiencias deportivas, culturais e de contacto coa natureza.

"As vías ferroviarias abandonadas teñen que ser recuperadas para o espazo público e proxectos coma este son un exemplo. É de salientar que tres concellos distintos sexan capaces de pórse de acordo para crear un proxecto común. Sumar sinerxias é moi importante para sacar adiante iniciativas" cumprindo así o compromiso manifestado dende sempre con este proxecto.

A primeira construtiva para a Vía Verde do Salnés ten un investimento de 356.186,87€. Portas 18.392,35 euros, Caldas de Reis 53.675,11 euros e Vilagarcía de Arousa 84.119,41 euros. O proxecto global para esta Vía Verde é de algo máis de 565.000 euros, cuxa parte restante correspondería á Xunta de Galicia.

A alcaldesa en funcións de Vilagarcía, Tania García, tamén deu a benvida á incorporación da Xunta "se como parece decide comprometerse con este proxecto despois de tanto tempo. Hoxe é un día moi especial porque vai ser realidade un proxecto no que levamos moito tempo traballando e no que esta Deputación sempre creu". O alcalde de Portas, Víctor Estévez, agradeceu tamén o traballo conxunto para poder sacar adiante esta iniciativa. Por último, o alcalde de Caldas de Reis, o concello que empezou a loitar por esta Vía, asegurou que grazas a isto, "vai medrar a calidade turística da provincia, converténdonos en pioneiros e primeiros en Galicia en pór en marcha un proxecto coma este".

A Vía Verde do Salnés converterase na primeira Vía Verde íntegra en Galicia, xa que na actualidade só existe a Vía Verde do Eo, que é compartida entre territorio de Galicia e Asturias, collendo unha pequena parte do interior da provincia de Lugo. A nova Vía terá unha lonxitude de case 10 quilómetros, partindo de Abelle (Rubiáns), pasando por Caldas e rematando na estación de Portas. Será unha senda peonil e ciclista que aproveitará o trazado ferroviario en desuso entre Caldas, Portas e Vilagarcía. Ao longo do percorrido destacan múltiples lugares e puntos de interese coma o Pazo de Rubiáns, o antigo apeadoiro de Ande, a ponte metálica sobre o Umia ou a antiga azucareira de Portas.

Otros articulos relacionados.....