A árbore máis vella do Xardín Municipal rexorde convertida nunha homenaxe de Carballo á emigración

Información
Galicia | 23 Julio 2018 | 2832 votos - Registrese para votar | Correo electrónico | Imprimir
social youtube xornalgalicia   feed-image

Nestes últimos días, Miguel Anxo Calvo e Isa Fernández están a recibir moitísimos parabéns pola súa última obra: o conxunto escultórico dedicado á emigración que forma parte xa do Parque Rego da Balsa e onde todos os días atopamos a xente facendo fotografías. Con esta obra, integrada por tres grandes elementos, rexorde o vello ciprés do Xardín Municipal que caeu abatido polo vento na madrugada do 30 de decembro do 2015. Era a árbore máis antiga da praza, centenaria, o Concello de Carballo optou por darlle unha nova vida a través da creatividade dos dous artistas locais, que traballaron con plena liberdade.

 

A nova escultura, que pronto terá nome e placa explicativa, representa, en palabras dos seus autores, “os problemas da emigración, as dificultades, as ataduras familiares”. Por iso, no centro aparece unha familia –home, muller embarazada, neno e un pequeno can- rodeada por unha corda de aceiro a modo de arame de espiño, símbolo do sufrimento. “El –explica Miguel Anxo Calvo, O Mighelo- con cara de tristura e impotencia, como a de calquera que ten que marchar e deixar á familia, e ela cunha cara máis de rabia, dor e sufrimento”. A maleta, continúa, simboliza esa carga familiar, e o banco, “a ilusión de encontrar un mundo onde asentarse a descansar, un bo lugar para vivir, como pode ser Carballo”.

Aínda que a obra recolle a idea dos artistas, non puideron realizala con todos os detalles que lles gustaría debido ao mal estado da madeira. “A árbore caeu por algo, porque estaba moi danada, e case outro tanto non puidemos utilizalo”. Despois de moitos meses de traballo, a obra por fin está a disposición de todo o mundo na zona verde do Parque do Rego da Balsa. “O ciprés seguramente viu marchar a moitísima xente de Carballo, e quixémoslle dar tamén esa vida. Morreu, pero unha parte vólvese a recuperar agora e ademais nun punto estratéxico, un Carballo novo e ao lado dun parque infantil, que representa o futuro de Carballo”, engade O Mighelo.