A Deputación da Coruña acolle a presentación do Plan Juncker en Galicia

Información
Galicia 05 Mayo 2016 3847 votos Regístrese para votar

Máis dun centenar de empresarios de todos os sectores económicos galegos, directivos e representantes do sector financeiro, do tecido asociativo e do mundo da innovación e o desenvolvemento déronse cita esta mañá na sede da Deputación da Coruña para asistir ao acto de presentación en Galicia do Plan de Investimentos para Europa impulsado pola Comisión Europea e o Banco Europeo de Investimentos (BEI) e coñecido como "Plan Juncker".

O acto contou coa asistencia do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a asesora económica da Comisión Europea, Ann Westman, o director do Banco Europeo de Investimentos en España (BEI), Alberto Barragán, o loan officer BEI en Galicia, Patricio Peixoto, e o director xeral do IGAPE, Javier Aguilera, entre outros relatores de prestixio.

Trátase do primeiro acto divulgativo que se celebra en Galicia sobre esta iniciativa, que pretende mobilizar en tres anos 315.000 millóns de euros en investimentos, equivalentes ao 0,8% do PIB europeo anual, co obxectivo de reforzar a competitividade das empresas europeas e favorecer a creación de emprego.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, foi o encargado de inaugurar o seminario, dando a benvida á Coruña aos asistentes e destacando a importancia de "relanzar por fin o investimento e as políticas expansivas" para contribuír á xeración de emprego e actividade económica e "rematar cunha crise económica que dura xa demasiados anos".

González Formoso sostivo que "o crecemento da economía debe ir vinculado a un obxectivo, que é a mellora da calidade de vida dos cidadáns" e afirmou "botar en falta" entre obxectivos do Plan Juncker "a aposta polo sostemento do modelo de Estado de benestar, que está en risco actualmente, e no que Europa é unha referencia a nivel mundial".

Neste sentido, o presidente provincial reclamou maior "ousadía e contundencia" ás institucións europeas no tratamento aos países "que non respectan os dereitos sociais mínimos" e na defensa do modelo europeo "baseado no benestar social, a educación e o coñecemento".

Na inauguración da xornada interviu tamén a economista seénior da Representación da Comisión Europea en España, Ann Westman, que repasou algúns dos efectos que a crise económica está a ter sobre os países da UE como a diminución do nivel de cremento, o aumento do desemprego e a diminución dos investimentos.

Segundo os datos facilitados por Wetsman o investimento en Europa segue aínda un 16% por debaixo dos niveis previos á crise e en España esta cifra alcanza case o 40%, motivo polo que o Plan Juncker pode ser unha excelente ferramenta para o noso país.

Segundo explicaron diversos relatores durante a mañá, impulsar o investimento é un dos piares básicos para relanzar o crecemento económico e a xeración de emprego.

Neste sentido, o Plan de Investimentos para Europa pretende mobilizar 315.000 millóns de euros de investimentos privados, a partir do Fondo Europeo de Investimentos Estratéxicos, que conta cun capital de 21.000 millóns de euros en forma de garantías europeas e capital do BEI. Por unha banda, o Plan prevé apoiar proxectos a longo prazo en infraestruturas estratéxicas (conexión enerxéticas, transfronteirizas, banda ancha, etc.), de transporte, de educación ou de I+D+i. Por outra banda, inclúe produtos financeiros como préstamos, garantías ou venture capital dirixido a peme e mid-caps. O Goberno español comprometeuse tamén a apoiar o Plan Juncker con 1.500 millóns de euros a través do Instituto de Crédito Oficial (ICO).

Así mesmo, a iniciativa contempla tamén medidas estratéxicas para mellorar o entorno de investimento, con normativas máis claras, sinxelas, flexibles e predicibles na UE, destinadas en particular ás pemes, así como accións para garantir que estes investimentos cheguen á economía real.


TAMBIÉN LE PUEDE INTERESARlineaazul 1600