As Estruturas de Xestión Integrada (EOXIS), creadas polo goberno do PP, anularon as Xerencias de Atención Primaria (AP). Os Centros de Saúde pasaron a depender das Xerencias Hospitalarias, o que supuxo unha enorme perda de poder e de recursos para o primeiro nivel asistencial, para os seus profesionais e usuarios.
1.- Perda de financiamento:
Dende o 2010, data de entrada en vigor das EOXIS, o orzamento hospitalario creceu de 2.197 millóns de euros no ano 2010 a 2.270 no 2017, mentres que o de Atención Primaria medrou nese mesmo período de 492 millóns a 466 (Figura 1). A diferencia orzamentaria entre hospitais e AP aumentou do 43,3% ao 51% (incrementou nun 15,1%) (Figura 2). A participación da AP no orzamento sanitario pasou ao 13,1% do total, moi por debaixo do 15,4% da media española ou do 25% que se fixou como óptimo no Plan de Mellora e na Estratexia AP 21.
2.- Redución de persoal:
Entre 2009 e 2015 o goberno do PP reduciu 1.795 prazas na sanidade pública; 1.154 en AP (64,3%) e 641 nos hospitais (35,7%). O persoal facultativo recortárono en 513 prazas, das que 392 foron en AP (76,4%) fronte a 121 nos hospitais (23,6%). Como consecuencia máis do 50% das cotas están masificadas, con máis de 1.500 tarxetas individuais por médico/a (as sociedades científicas indican que non deberían superar as 1.250). Esta situación obriga a atender unha media de entre 40 e 50 pacientes ao día, o que repercute na calidade da atención e na capacidade resolutiva, e obriga a enviar de xeito innecesario a moitos pacientes ao hospital, colapsando as urxencias e incrementando as listas de espera. En algúns Centros de Saúde, a espera para acudir a consulta chega a superar a semana, algo inadmisible no primeiro nivel asistencial.
3.- A supresión das Xerencias e a integración da AP nos hospitais someteu aos Centros de Saúde ás xerencias e servizos hospitalarios. Hai unha enorme diferenza de poder entre os coordinadores dos equipos (case sen competencias) e as xefaturas de servizo hospitalarias, fortemente xerarquizadas; a desigualdade en orzamentos, persoal e recursos tecnolóxicos, e a dispersión dos Centros de Saúde convirten a éstes en apéndices ao servizo dos hospitais.
Como consecuencia:
•Hai unha redución notable de profesionais en AP, con repercusión negativa na calidade asistencial e na capacidade de resolver problemas de saúde sen precisar derivación ao nivel hospitalario.
•En moitas áreas sanitarias os xefes de servizo hospitalarios controlan as interconsultas e derivacións decididas polo persoal facultativo dos Centros de Saúde
•A perda da capacidade de xestión impide á AP controlar as prioridades e os tempos de espera. Isto facilita que algúns servizos hospitalarios manexen as listas segundo os seus intereses.
Por todo iso desde a AGDSP esiximos:
1.- A retirada do Anteproxecto de reforma da Lei Galega de Saúde, que perpetúa as Estruturas de Xestión Integrada.
2.- Restituír as Xerencias de AP e dotalas de medios e recursos para reforzar a capacidade de resolución.
3. Desenvolver a Lei Galega de Saúde do ano 2008.