Protesta na sede de Inditex en Arteixo polas malas condicións laborais....Afirman que Amancio Ortega prefire donar cartos para limpar súa imaxen persoal que atender os traballadores.

Información
Galicia | 24 Junio 2017 | 4718 votos | Correo electrónico | Imprimir
social youtube xornalgalicia   feed-image

Persoal de Lefties concentrouse este xoves diante da sede principal de Inditex en Arteixo en protesta pola “reiterada actitude de desprezo” da Dirección da empresa polos dereitos das traballadoras e traballadores e en demanda de melloras nas condicións laborais que veñen reclamando desde hai tempo.

O comité de empresa (CIG, CCOO e UGT), que convocou a protesta, demanda a nivel económico, o incremento na porcentaxe de comisión de todo o persoal de Lefties e incentivos equiparados aos que se cobran no resto das tendas da mesma empresa. A este respecto lembran que “Lefties é Zara España S.A. e non unha cadea independente” e que o seu persoal fai o mesmo traballando pero ten salarios inferiores.

 

Respecto das melloras laborais exixe a redución da excesiva carga de traballo mediante a oferta de horas ou ampliación de persoal e a eliminación da exixencia de xustificación nas solicitudes de redución de xornada por garda legal. Unha exixencia que entenden que supón “unha grave intromisión na intimidade e vida persoal das traballadoras”.

Acoso e discriminación

O comité asegura que solicitou en distintas ocasións á Dirección da empresa o traslado da persoa responsábel do departamento de Dirección de Tendas, polos seus comentarios discriminatorios. Denuncia que, porén, “non fixeron nada efectivo até o de agora para atallar estes comportamentos”.

Asegura que, lonxe disto, o único que se fixo foi iniciar uns “protocolos de averiguación” de maneira unilateral “sen consultar, nin dar participación ao Comité de Empresa, polo que se realizaron sen a transparencia necesaria”. Por iso advirte que “non imos permitir este estilo de dirección” e demanda “que se nos xulgue unicamente polo noso traballo, non por outras circunstancias discriminatorias e alleas á relación laboral”.

Seguridade nas tendas

Polo que respecta á seguridade nas tendas, o comité de empresa asegura que, tras dunha longa loita, a empresa vai contratar un vixilante de seguridade para a tenda de Torreiro. Lembra que as traballadoras e traballadores desa tenda, sobre todo, sofren situacións de risco de agresión e acoso, por parte de algúns clientes que xa teñen denunciado en distintas ocasións. Por iso agardan que sexa “unha medida permanente e non un apaño temporal como noutras ocasións”.

O comité non entende como unha empresa como Inditex, “que dona millóns de euros para outras causas, non inviste un peso para salvagardar a seguridade e integridade do seu persoal”, cando é coñecedora da súa situación.