Begoña Rodríguez Rumbo alerta de que a Xunta executou no ano da pandemia un 5,7 por cento menos orzamentos que no exercicio anterior

Información
Galicia | 24 Septiembre 2021 | 779 votos - Registrese para votar | Correo electrónico | Imprimir
social youtube xornalgalicia   feed-image

Begoña Rodríguez Rumbo 240921 01A portavoz de Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou á Xunta de exercer unha “política fiscal regresiva que favorece aos que máis teñen. A responsable socialista interveu na comparecencia da responsable da Axencia Tributaria de Galicia –Atriga-, hoxe en Comisión parlamentaria, á que lle preguntou polos motivos de que a Xunta executara en 2020 un 5,7 por cento menos orzamentos que no ano anterior.

 

A responsable socialista lembrou que o presidente da Xunta ten anunciado desde 2016 unha serie de rebaixas fiscais que, segundo dicía, suporían en 2020 un aforro de 452 millóns de euros, pero na realidade, a propia web da Xunta sinala que foron 136 millóns de euros, tan só un 30 por cento do que anunciou Feijóo.

Rodríguez Rumbo desmentiu ademais que as rebaixas fiscais executadas polo goberno galego supoñan un aforro para a maioría da cidadanía galega, xa que o imposto do Patrimonio permitiu que tan só 8.018 galegos cun patrimonio sumado de 47.895 millóns de euros en 2019 tan só pagaran un 0,88 por cento por este imposto. Dixo que “o goberno galego renuncia a ter máis ingresos daqueles que teñen máis capacidade económica”.

Lamentou que o goberno galego teña aplicado unha serie de rebaixas fiscais seguindo a doutrina neoliberal, que en realidade limita os ingresos das arcas autonómicas e “renuncia a aplicar políticas máis progresivas para que paguen máis aqueles que máis gañan”, detraendo recursos do sector público.

De acordo co último Informe Global do sector público autonómico feito público polo Tribunal de Cuentas en xullo deste ano, tan só o 14 por cento dos ingresos da Xunta proceden de fondos propios, en concreto un 83 por cento de endebedamento, o 10 por cento de tributos propios, o 2 por cento por prestación de servizos e o 5 por cento de outros ingresos. A maioría dos ingresos, dixo, proceden do IVE -26 por cento-, o IRPF -25 por cento- e o Fondo de Garantía -19 pro cento-.

Rodríguez Rumbo salientou ademais a minoración do persoal correspondente á Atriga, fundamentalmente debido ás xubilacións que se produciron neste exercicio, que provocaron a perda de 21 profesionais, pasando de 341 efectivos en 2018 a 320 en 2020. Sinalou que esta redución “non semella razoable cando o que se pretende unha maior loita contra a fraude fiscal e unha maior eficiencia na xestión”.