Os xulgados tumban a tentativa da Xunta de impedir o acceso á xustiza gratuíta na investigación penal sobre as minas de San Finx

Información
Galicia | 31 Marzo 2021 | 1663 votos - Registrese para votar | Correo electrónico | Imprimir
social youtube xornalgalicia   feed-image
  • fin STOP CORRUPCION DIAINTERNACIONALCONTRALACORRUPCION FEIJOO MAR SANCEZSIERRAA sentenza xudicial reafirma o papel da “acción popular medioambiental” que garante ás asociacións ambientais o dereito de acceso á xustiza gratuíta.
  • A resolución da Xunta podía expoñer a Verdegaia a custas xudiciais disuasorias no procedemento penal sobre as irregularidades na mina de San Finx, en Lousa

31 de marzo de 2021.- Verdegaia vén de coñecer con satisfacción a sentenza dos Xulgados de Noia que recoñece finalmente o seu dereito á xustiza gratuíta no seu exercicio da acción popular medioambiental nun procedemento penal por volta da polémica explotación mineira “San Finx” en Lousame.

 

O Xulgado tumbou unha resolución inédita da Comisión Provincial de Asistencia Xurídica Gratuíta da Coruña, dependente da Vicepresidencia 1ª e Consellería de Presidencia, que denegaba a xustiza gratuíta a Verdegaia neste procedemento, cando a mesma Comisión, con case idénticos compoñentes, a tiña recoñecido en numerosas ocasións previas. A denegación podería ter implicado a imposición a Verdegaia de custas xudiciais de varios miles de euros.
 

O auto xudicial ten especial transcendencia para o movemento ecoloxista, pois confirma fóra de toda dúbida que a Lei 27/2006 de xustiza ambiental, que transpón o Convenio de Aarhus, outorga o beneficio da xustiza gratuíta ás asociacións ambientais, sobrepóndose á interpretación literal da anterior lei de asistencia xurídica gratuíta de 1996, que non contemplaba esta posibilidade.
 

Verdegaia, lamenta os obstáculos postos pola Xunta para o exercicio da acción popular medioambiental canto son os seus funcionarios e altos cargos os investigados. Censura especialmente que a propia letrada da Xunta alegara ante o Xulgado que se debía denegar a xustiza gratuíta a Verdegaia, coñecendo perfectamente o contido da Lei 27/2006 e a xurisprudencia do Tribunal Supremo ao respecto.

En todo caso, a xuízo de Verdegaia, a actuación dos Letrados da Xunta, tanto na propia Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta como no proceso xudicial posterior, representa un evidente conflito de intereses, cando eses mesmos letrados son os que defenden os denunciados por presuntos delitos de prevaricación e falsedade en documento público, evidenciando a asimetría existente entre asociacións ambientais denunciantes e Xunta.