O persoal técnico forestal do SPIF está en folga indefinida desde o 1 de agosto para reclamar unha reorganización máis eficaz do servizo público que ademais acabe con condicións laborais insostibles. No desenvolvemento desta folga e na aplicación da Orde de servizos mínimos, que inicialmente foron pactados, a Consellería do Medio Rural practicou a seguinte irregularidade:
Retención ilegal na nómina do mes de agosto das persoas que secundan a folga e seguiron rigorosamente os servizos mínimos. Esa retención realizouse a través duns criterios de desconto que vulneran a lexislación vixente e que non son acordes co traballo desenvolvido por estes traballadores/as.
Este acto vai en contra da necesidade de buscar puntos de encontro e diálogo para resolver o conflito e non fai máis que aumentar a crispación tras máis de 28 meses tentando que a consellería presente unha proposta de novo acordo.
Pois así as cousas, as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT e o comité de folga do persoal técnico forestal rexistrou esta semana a correspondente demanda xudicial no Xulgado contencioso administrativo de Santiago de Compostela, contra a Consellería do Medio Rural por aplicar descontos ilegais coa única finalidade de desmovilizar e boicotear a folga legalmente convocada.
As organizacións convocantes agardan, nun novo acto de búsquea de consensos, que a Consellería de Medio Rural convoque o antes posible, a xuntanza solicitada, para retomar a negociación efectiva dun novo Acordo de condicións laborais que remate co conflito, pois do contrario as mobilizacións e o conflito continuarían, o que resulta negativo para ámbalas partes.