GONZALO CABALLERO SINALA QUE FEIJÓO “PERDEU O SENTIDO COMÚN” AO DECRETAR UN CONFINAMENTO NA MARIÑA DE SÓ CINCO DÍAS: “A SAÚDE É O PRIMEIRO, E A XENTE ESTÁ INDIGNADA”

Información
Galicia | 08 Julio 2020 | 2166 votos Regístrese para votar | Correo electrónico | Imprimir
social youtube xornalgalicia   feed-image

Gonzalo Caballero Lugo

O líder dos socialistas galegos sinala que cando decretou a emerxencia sanitaria había 112 contaxios, fronte aos máis de 250 que hai hoxe

Apunta que “quen queira xogar coa saúde dos galegos e das galegas que non conte con nós”

O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, desprazouse hoxe ata Lugo, dende onde advertiu que “Feijóo está perdendo o sentido común e o respecto a Galicia”. Así o dixo logo de lembrar que o presidente da Xunta garantiu a normalidade cando convocou as eleccións “de forma unilateral”.

Cando a Xunta decretou o Estado de Emerxencia Sanitaria en Galicia había 112 contaxiados, e hoxe hai máis de 250”, resumiu Caballero para advertirlle ao candidato do PP que “quen queira xogar coa saúde dos galegos e das galegas que non conte con nós”. Reclamoulle ao presidente da Xunta que compareza no Parlamento para explicar o retraso nas decisións de protección contra o virus.

Gonzalo Caballero amosou a súa sorpresa por que o presidente da Xunta, logo de comparecer na TVG cada 3 días para pedir a retirada do Estado de Alarma e recuperar as competencias en materia sanitaria, cando por fin dispón delas o que fai é aprobar un decreto no DOG no que declara autoridade sanitaria a uns concellos que carecen de competencias en sanidade e que algúns nin sequera dispoñen de Policía Local.

Sinalou que “non quero pensar que o presidente da Xunta queira minimizar o risco sanitario do que ocorre na Mariña para manter o relato da súa xestión ou da data electoral que marcou” e que hoxe está “en cuestión”. Criticou así a decisión de confiar á Mariña durante 5 días, ata a xornada de reflexión, e que algúns alcaldes están contestando “temendo que ao luns seguinte decrete un confinamento máis duro”.

Advertiu que “cando di que os 2.000 galegos que están illados á espera de realizar un PCR poden saír votar o domingo está poñendo en risco tódalas recomendacións das autoridades sanitarias, dos expertos epidemiolóxicos e da propia OMS”. Lembrou que os informes sanitarios que esgrimira a Xunta para convocar as eleccións “advertían dun posible rebrote en xullo, e Feijóo non o quixo atender”.

Alertou da “indignación crecente” na Mariña e sinalou que “hai que ser moi responsables, moi transparentes e o presidente da Xunta ten que comparecer para dar conta do que ocorre e dos seus plans de actuación”. Advertiu que “a saúde dos galegos é prioritaria, e ningún voto, ningunhas eleccións e ningún goberno están por enriba da saúde dos galegos e das galegas”.

O secretario xeral do PSdeG ofreceu a “man tendida” ao presidente da Xunta “para saír desta situación”, pero advertiu que “estamos preparados para darlle a Galicia un goberno de progreso que poña á saúde pública como prioridade. Sinalou que “logo de tantos anos de recortes é necesario poñer á fronte da Consellería de Sanidade un novo equipo de profesionais e de xestores comprometidos coa sanidade pública”.

Anunciou que mantén “contacto continuo” co Comité de Expertos en materia sanitaria do PSdeG, coordinado pola ex conselleira María Xosé Rubio e coa presenza de quen foi director xeral de Saúde Pública nos gobernos de Pérez Touriño e de González Laxe. Un comité que, dixo, “nos está aconsellando nesta crise dende o momento en que se detectaron os primeiros casos de contaxio”.


TAMBIÉN LE PUEDE INTERESARlineaazul 1600