O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe dúas mocións impulsadas polo Goberno provincial (PSOE e BNG) e polo Partido Popular en defensa do emprego e o mantemento da actividade da central das Pontes.
A sesión plenaria estivo presidida polo vicepresidente, Xosé Regueira, debido á ausencia do titular do goberno provincial e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, que este mediodía participou nunha mobilización en Santiago en demanda dun plan de futuro para a térmica, cuxa falta de actividade pon en xogo arredor de 700 empregos en tres comarcas.
A moción de PSOE e BNG foi refrendada por unanimidade de todos os grupos políticos e, entre outras medidas, insta ao Goberno do Estado á retirada transitoria do imposto de hidrocraburos á produción eléctrica ("céntimo verde") para a xeración de enerxía con carbón a estudar mecanismos de compensación de pagos por capacidade pola dispoñibilidade de para cubrir a demandas nas horas de maior consumo do sistema eléctrico.
A Deputación insta tamén á Xunta de Galicia a adoptar as medidas que faciliten a transición da central pontesa para formar parte do circuito de economía circular, a través do cambio de combustibles fósiles por outros tipos de materiais (biomasa forestal, lodos...), compensando así as emisións de CO2, e a que, seguindo o modelo de actuación de Aragón para as comarcas mineiras, elabore e dote económicamente un plan para a reactivación económica e social de Cerceda que minimice o impacto do peche da central térmica de Meirama, decidido por Naturgy, xerando un entorno favorable para novos investimentos.
Finalmente, reclámase á Unión Europea que adopte medidas para evitar especulacións no mercado de CO2 por parte de inversores alleos á produción enerxética e para que as centrais térmicas coma a de As Pontes, que cumpren coa normativa medioambiental máis esixente, poidan continuar coa produción de enerxía eléctrica.
A moción impulsada polo PP foi apoiada por PSOE e BNG e contou co voto en contra da Marea Atlántica e a abstención de Alternativa dos Veciños e reclama ao Goberno do Estado que estableza exencións fiscais ás centrais térmicas de carbón que estean en proceso de adaptación á Directiva de Emisións Industriais da UE e a fixar unha retribución específica nos casos en que se estea usando, por exemplo, biomasa forestal para o seu funcionamento.
O texto apoia tamén facilitar a participación da Xunta na comisión que analizará a situación da central térmica das Pontes para buscar solucións á situación de inactividade que atravesa a planta.