Carmela Silva reivindica a María Soliña como exemplo de todas as galegas que tiveron que loitar contra a desigualdade

Información
Galicia | 30 Junio 2016 | 4663 Votos | Correo electrónico | Imprimir

"Foi unha das moitas mulleres que tiveron que sufrir a persecución por ser diferentes, seguramente por ser intelixentes", dixo Silva na inauguración dunha escultura na súa memoria en Cangas

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, resaltou hoxe a figura de María Soliña como un grande exemplo de todas as galegas que tiveron que loitar contra a desigualdade, "unha das moitas mulleres que tiveron que sufrir a persecución por ser diferentes, seguramente por ser intelixentes". Fixo estas declaracións en Cangas na inauguración dunha escultura en memoria de María Soliña, doada pola Deputación a través da Escola de Cantaría e realizada por dous alumnos do propio centro.

Neste acto tamén participou a deputada responsable da Escola de Cantaría, Montserrat Magallanes, así como  o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, o alcalde de Vilaboa, José Luís Poceiro, e os dous artífices da obra, Santiago Rey López e Víctor Manuel Casal Nogueira.

Con esta escultura quérese homenaxear a figura de María Soliña, que se ten convertido nun símbolo de sufrimento do pobo, especialmente das mulleres perseguidas. "Parabéns ao pobo de Cangas porque xa ten de volta á súa veciña María Soliña", manifestou a Presidenta, referíndose así á ausencia de datos sobre a súa defunción e enterramento.

Carmela Silva salientou a importancia deste acto como unha homenaxe máis ás mulleres da nosa historia "que foron ninguneadas durante séculos e que agora temos o deber de reivindicar o seu papel". Puxo tamén coma exemplo que aínda onte se celebrou a xornada inaugural da Escola de Igualdade María Vinyals, que leva por nome o dunha das mulleres precursoras do feminismo galego. 

A Presidenta destacou que, deste xeito, dende a Deputación se ten as políticas de igualdade como unha das prioridades de goberno, non só creando un servizo pioneiro de Igualdade ata o momento inexistente, senón promovendo as medidas de igualdade de xeito transversal entre todos os departamentos.

Tras as intervencións, durante o acto de inauguración da escultura, cantouse o coñecido poema sobre María Soliña que escribiu Celso Emilio Ferreiro na súa "Longa noite de pedra". Déuselle cabida así só a  algunha das moitas creacións artísticas que María Soliña ten inspirado ao longo da historia, xa que ten sido motivo de múltiples poemas, ilustracións, retratos ou longametraxes.

social youtube xornalgalicia   feed-image