Rianxo acollerá o festival das linguas minorizadas do programa Donostia-Capital Europea da Cultura no que participa a Deputación

Información
Galicia | 23 Junio 2016 | 4263 votos - Registrese para votar | Correo electrónico | Imprimir
social youtube xornalgalicia   feed-image

Dos días 8 ao 10 de setembro, Rianxo será a sede do festival itinerante que se celebra dentro do proxecto de promoción e defensa da diversidade cultural e lingüística Tosta Cargo no que participan as áreas de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña e que forma parte do programa Donostia-Capital Europea da Cultura 2016.

An Daingean en Irlanda, Ceredigion en Gales, Falmouth en Cornuales, Dokum en Frisia, An T-Eilean en Scotland, Errentería no País Vasco e Rianxo en Galiza son as sete localidades en que se celebra o festival itinerante das culturas e linguas minorizadas que forma parte do proxecto Tosta Cargo do programa Donostia-Capital Europea da Cultura do que é partícipe a área de Cultura da Deputación da Coruña.

O festival, de carácter itinerante, desenvólvese en cada unha das sete comunidades participantes no proxecto e emprega como infraestruturas unha serie de contedores marítimos que son remitidos a cada un dos portos das distintas localidades. A promoción das culturas minorizadas e o diálogo cultural son algúns os obxectivos desta iniciativa da que xa se desenvolveu a primeira etapa consistente no intercambio de artistas que, agora, mostrarán as súas obras nos distintos festivais. No marco deste intercambio a artista plástica galesa Luned Rhys Parri pasou sete semanas na Coruña mentres que a música galega Belén Tajes traballou en Éire no seu proxecto artístico.

Desde o mes de maio e ao longo do verán organizarase un festival en cada comunidade participante que terán lugar en espazos á beira do mar, seguindo a filosofía dun proxecto que xira arredor de contedores marítimos instalados en cada un dos portos. Música, arte e actividades participativas daranse a man nestes festivais que poñen en comunicación sete comunidades de linguas minorizadas ao longo da costa atlántica co fin de crear o que definen como "unha alianza creativa" que supere "as barreiras lingüísticas habituais" e se presenta como unha das "embaixadas" de Donostia 2016 Capital Europea da Cultura. O nome do programa, Tosta, responde á palabra que denomina a bancada dun barco e que, con pequenas variacións, está presente en moitas linguas minorizadas ao longo da costa atlántica europea.

Para a responsábel das áreas de Cultura e Lingua da Deputación, Goretti Sanmartín, o proxecto "abre novas posibilidades de internacionalizar a nosa lingua e buscar puntos de encontro entre as distintas comunidades con linguas minorizadas".

"A iniciativa mostra que en galego estamos no mundo, que podemos relacionarnos en pé de igualdade nunha viaxe que é de intercambio artístico e cultural mais tamén que a cultura ten a ver coa identidade e tamén coa mercadoría, que debe e pode funcionar nese ámbito comercial e económico", sinalou Goretti Sanmartín. O proxecto conxuga, segundo sinalou, a promoción da creación artística, a visibilización da diversidade cultural e o encontro de culturas en igualdade de condicións. A organización considerou que o concello de Rianxo contaba coas condicións acaídas para se desenvolver o festival na Galiza, en primeiro lugar, pola súa forte tradición mariñeira e o seu porto e, en segundo, pola súa historia cultural, especialmente vencellada ás biografías dalgúns dos máis destacados escritores da nosa literatura como Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste, entre outros. O festival conta coa colaboración do Concello de Rixanxo que pon ao dispor medios e equipamentos e, por medio do seu alcalde, Adolfo Muiños, aplaudiu a iniciativa e a participación no programa da capitalidade cultural de Donostia.

O proxecto, no que participan tamén asociacións das sete comunidades, ten na Galiza á Mesa pola Normalización Lingüística como entidade colaboradora .