![]() Auga seca comeza coa morte de Paulo Duarte no porto industrial de Vigo. Un aparente suicidio que non convence aos seus xefes, nin á policía, nin á súa irmá Teresa, que se muda de Lisboa a Vigo e empeza a traballar na empresa onde estaba Paulo, co obxectivo de descubrir o que pasou. Victoria Guerra, que interpreta a Teresa, explicou que “por riba de todo, é unha serie moi ben escrita, moi sorprendente”, e destacou a importancia a nivel artístico de colaborar entre profesionais de Galicia e Portugal. Ese carácter transfronteirizo está integrado na propia trama: “é unha serie moi volcada cara ao mar, e de aí que Vigo sexa o foco principal, unha protagonista máis”, apuntou Alfonso Blanco, que tamén fixo especial fincapé no carácter “naturalista” da serie: “para nós era importante que fose verosímil, crible”. Auga seca terá 6 capítulos de 50 minutos e recolle o universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial. “É un thriller, e en canto thriller é unha historia que viaxa”, explicou José Amaral, director xeral de SP-i, que contou como a idea da serie os conquistou dende o primeiro momento. “É un relato no que Portugal fai parte dunha forma orgánica, sen ser forzada, e iso cambia todo”, apuntou o produtor, subliñando ademais que a colaboración da súa empresa con RTP e TVG abre “un camiño longo a seguir” no mercado internacional. Polo de agora, ese camiño vén de comezar coa entrada no proxecto da distrbuidora británica DCD Rights e a venda dos dereitos de emisión da serie para Holanda, Finlandia e Europa do Leste (neste caso, á prestixiosa canle americana AMC). Na mesma liña, as responsables das televisións que estrearán a serie celebraron esta oportunidade de afondar no seu traballo conxunto. A adxunta á dirección da TVG, Rosa Vilas, quixo destacar que Auga seca é un produto “moi noso pero que pode viaxar e dar a coñecer a nosa realidade”, e amosouse convencida de que ía “namorar a todo o mundo” pola súa altísima calidade. Así mesmo, lembrou a boa acollida de Vidago Palace, coprodución de Portocabo que tamén emitiron TVG e RTP. Isabel Correia, directora da RTP Porto, destacou o carácter cada vez máis híbrido dos produtos televisivos e a vantaxe de aproveitar a conexión que existe entre Galicia e Portugal: “en Portugal e Galicia recoñecémonos moito, somos persoas moi parecidas, e identificámonos coa historia de Auga seca”. Ese vínculo tamén o sinalou Jacobo Sutil, director de Agadic, que comentou a facilidade de “traballar co outro lado da raia” polos puntos en común na lingua e a historia. Ademais, puxo énfase na contribución do proxecto ao audiovisual galego, empregando a máis de 150 persoas e abrindo vías para o sector a nivel internacional, aspecto no que destacou a Portocabo como un “referente”. A rodaxe de Auga seca en Vigo prolongarase ata o 19 de xullo en localizacións que inclúen o Real Clube Náutico, o porto de mercancías de Guixar ou o barrio do Castro. O talento galego, e particularmente o vigués, terán unha labor fundamental no proxecto, que será filmado en galego e portugués mantendo un rexistro realista. Auga seca continúa deste xeito coas producións internacionais de Portocabo, que está a piques de estrear Hierro (7 de xuño), producida para Movistar+ con ARTE France e Atlantique Productions e dirixida por Jorge Coira. |
Portocabo comeza a rodaxe de ‘Auga seca’, a súa nova coprodución con SPi para TVG e RTP
Portocabo comeza a rodaxe de ‘Auga seca’, a súa nova coprodución con SPi para TVG e RTP
- Información
- Galicia | 03 Junio 2019 | 3257 Votos | Correo electrónico | Imprimir
- Detalles
- Categoría: Galicia
- Visto: 3257