Información
Galicia

A Real Academia Galega celebra o maxisterio de Antonio Fraguas na procura da memoria colectiva

Información
17 Mayo 2019 163 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

20190517 familia e MPGA institución levou o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas ás terras de Cotobade, onde naceu Antonio Fraguas. O acto transcorreu na carballeira ao pé da escola de Famelga da que foi alumno

  • A homenaxe a Antonio Fraguas reivindica o seu legado e as raíces da cultura e da lingua galegas que tanto estudou, salientou o presidente Víctor F. Freixanes. “O noso idioma é froito da lealdade durante séculos da xente do común das aldeas e das vilas mariñeiras, que o mantivo vivo mentres permanecía afastado da chamada alta cultura”, expresa

     

  • Fina Casalderrey: “Fraguas foi un explorador do rural, fuxiu das teorías e centrou os esforzos no traballo de campo, na urxencia da recollida dun patrimonio inmaterial que se esvaía”

  • Clodio González Pérez percorreu a biografía do homenaxeado e destacou a importancia no seu interese pola etnografía de mamá Antonia. “Analfabeta, pero un manancial inesgotable de sabedoría popular, espertou no neno a curiosidade por coñecer o mundo dos devanceiros e un universo máxico”, dixo

  • Francisco Díaz-Fierros destaca a modernidade das descricións das paisaxes de Fraguas, acompañadas de ilustracións literarias de poetas e do cancioneiro popular

Famelga, Cerdedo-Cotobade, 17 de maio de 2019. – “Estamos na carballeira de Famelga, que é como dicir que estamos no corazón primeiro das cousas, porque aquí, nesa casiña baixo os carballos, estaba a escola onde o neno Fraguas, guiado por un mestre que se chamaba coma el, descubriu as primeiras razóns do mundo, as primeiras chispas da curiosidade polo coñecemento, que habían de marcar toda a súa vida”. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, presentou con estas palabras o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas dedicado a Antonio Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999), unha xornada de recoñecemento do labor de todos os mestres e mestras que, como logo faría el mesmo, “puxeron as pedras do futuro”. Pero coa celebración da figura de Antonio Fraguas e a contorna elixida, na súa terra natal, a Academia quere sobre todo reivindicar as raíces da lingua e da cultura galegas. “O noso idioma é froito da lealdade durante séculos da xente do común das aldeas e das vilas mariñeiras, que o mantivo vivo mentres permanecía afastado da chamada alta cultura”, salienta o presidente. O propio Antonio Fraguas medrou nese mundo, do que sempre se sentiu parte, e contribuíu a dignificalo a través dunha extensa obra na que salienta o seu perfil como etnógrafo.

Víctor F. Freixanes presidiu a sesión, un pleno público ao que asistiron numerosos representantes da vida cultural, social e política e a veciñanza de Cerdedo-Cotobade que quixeron sumarse á celebración da Academia. O acto contou con tres achegas arredor da vida e obra do homenaxeado a cargo do académico correspondente Clodio González Pérez, quen trazou un percorrido pola súa biografía; a académica de número Fina Casalderrey, que profundou no labor docente deste “mestre de mestres”; e o académico de número Francisco Díaz-Fierros, cunha análise da paisaxe na obra de Fraguas, quen tamén foi membro de número da institución. A sesión concluíu coa interpretación do Himno por parte de integrantes da banda de gaitas e percusión Foula de Cerdedo-Cotobade.

O escolante de Famelga non foi a única persoa que marcaría a infancia en Cotobade e o futuro de Antonio Fraguas. Quen espertara nel a curiosidade polos contos, as lendas, os refráns, as cantigas ou as crenzas populares que logo estudaría foi mamá Antonia, unha muller analfabeta que vivía coa súa familia na aldea próxima de Insuela, na parroquia de Loureiro. Os dous transitaron hoxe polos discursos académicos xunto a outros personaxes que acompañaron a Antonio Fraguas en momentos fundamentais tanto da súa vida como da historia da Galicia do século XX: desde os tempos no instituto de Pontevedra, onde foi un dos alumnos promotores da Sociedade da Lingua, e a súa posterior participación nas Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos Galegos, xunto a mestres como Castelao, Losada Diéguez e Otero Pedrayo, ata a creación do Museo do Pobo Galego, do que foi director e presidente.

O Fraguas etnógrafo “fuxiu das teorías e centrou os esforzos no traballo de campo, na urxencia da recollida dun patrimonio inmaterial que se esvaía”, salientou Fina Casalderrey. Foi un “explorador do mundo rural”, un “Indiana Jones das corredoiras que loitou contra o esquecemento” e foi quen de recompoñer a historia “cos pequenos tesouros que foi atopando, coma quen explora a cara oculta da Lúa, convencido de que tamén nela hai luz: a luz da memoria colectiva”, comparou.

A académica de número interveu tras o percorrido que trazou o académico correspondente Clodio González polos fitos “decisivos no desenvolvemento do seu pensamento e do seu labor como intelectual”, desde a infancia en Cotobade ata a etapa á fronte do Museo do Pobo Galego. Unha traxectoria que pode resumirse nas palabras coas que o propio Fraguas facía balance pouco antes do seu pasamento e que foron elixidas polo académico correspondente para pechar a súa alocución sobre o protagonista do 17 de maio: “Eu traballei sempre por e para Galicia. Unhas veces acertei, outras non; pero en todo canto levo feito puxen sempre toda a miña ilusión, todo o pouco que sei, sen esperar nada a cambio”.

O académico de número Francisco Díaz-Fierros detívose noutra das facetas do polifacético Fraguas, a de xeógrafo, e abordou os sentimentos da paisaxe nos escritos que deixou nunha materia na que foi seguidor de Ramón Otero Pedrayo pero cunha personalidade propia na que, de novo, deixou pegada a cultura popular. “Se hai algo que distingue as súas descricións paisaxeiras dos vales e ribeiras galegos son as ilustracións literarias que normalmente as acompañan e que Fraguas recolle do cancioneiro popular ou dos poetas máis intimamente identificados co mundo campesiño, como Noriega. Neste senso, amósase de total actualidade, pois hoxe todos os atlas ou catálogos das paisaxes, seguindo as recomendacións do Convenio Europeo, levan sempre ao par das descricións xeográficas as pegadas que a súa percepción estética deixou na literatura ou na pintura”, analizou.

Mamá Antonia e o “irmán” Xocas

Clodio González Pérez abriu as intervencións académicas cunha achega á biografía de Fraguas na que identificou seis momentos que configuraron “a súa personalidade, o seu compromiso e a súa lealdade coa nosa cultura, con Galicia”: a infancia en Loureiro, o tempo na escola de Famelga, os anos no Instituto de Pontevedra, o ingreso no Seminario de Estudos Galegos e nas Irmandades da Fala e a etapa á fronte do Museo do Pobo Galego, onde o académico correspondente e etnógrafo compartiu moitas horas con el.

Nos primeiros anos de Fraguas, Antonia Pérez Estraviz, mamá Antonia, foi quen lle descubriu o rico universo da tradición oral. “Analfabeta, pero un manancial inesgotable de sabedoría popular, espertou no neno a curiosidade por coñecer o mundo dos devanceiros e un universo máxico”, explicou Clodio González. O mestre Antonio Vidal Proenza foi outra persoa determinante no seu futuro. Fraguas ingresou na súa escola de Famelga meses antes da data prevista polos pais para emigrar ao Brasil, onde querían darlle un futuro como maquinista de tren. O pequeno Antonio, segundo el mesmo contaba, fora a outras escolas onde non aprendera nada, pero todo foi moi diferente co novo docente, que convenceu os pais para que non marchasen e lle desen ao rapaz unha carreira. “Anos despois, xa licenciado en Filosofía e Letras, o exalumno foi convidado por don Antonio Vidal a dar unha clase práctica de arqueoloxía e foron os dous cos nenos da escola ao castro de Famelga, a uns trescentos metros de aquí. Fixeron varias catas e descubriron restos que trouxeron para expoñer na escola. Este foi, como o recoñeceu sempre, o seu gran mestre, quen lle sinalou un camiño que de non ser polo seu consello nunca percorrería”, advertiu Clodio González.

Xa en Pontevedra, a influencia dalgúns profesores, como Castelao e Losada Diéguez, e compañeiros como Sebastián González-García sería tamén decisiva. “Na Boa Vila foi onde espertou no mociño de Loureiro o interese pola terra e pola defensa dos seus, labregos e canteiros”. Foi así como cando só cursaba quinto xa tomou parte nun mitin en Loureiro das Sociedades Agrarias do Distrito para combater o caciquismo; ou como un ano despois, en abril de 1924, canda varios colegas do instituto, fundou a chamada Sociedade da Lingua co propósito de defender o idioma galego e mesmo elaborar un dicionario.

Outro feito que deixou unha pegada indeleble na súa vida ocorreu en Compostela, o día en que por primeira vez traspasou a lumieira da porta do Seminario de Estudos Galegos, proseguiu Clodio González. “Empeza entón a relacionarse con Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Xaquín Lorenzo, Xosé Filgueira Valverde, Fermín Bouza-Brey… e outros máis, ao tempo que os profesores de Pontevedra pasan a ser compañeiros. Todos decididos a traballar por unha mesma causa de xeito altruísta: a prol da mellora cultural, social e material de Galicia”. Na Compostela universitaria Fraguas tamén se converteu en membro das Irmandades da Fala. Máis adiante participaría na fundación do Partido Galeguista, do que foi un afiliado moi activo, especialmente no tempo en que exerceu como profesor na Estrada. Neste concello pontevedrés participou intensamente na campaña do plebiscito do Estatuto de Autonomía, un compromiso polo que foi represaliado.

Ao último fito da súa vida pode asignárselle a data do 29 de outubro de 1997, o día que se inauguraron as primeiras salas do Museo do Pobo Galego, “un vello e devecido soño que xurdira no Seminario de Estudos Galegos, que se mantivera vivo no Instituto da Estrada e que se facía realidade agora, cando ía cumprir os 72 anos”. A esta angueira dedicou Fraguas as súas dúas últimas décadas, nas que foi primeiro director do museo e despois, tras o pasamento de Xaquín Lorenzo, o seu “irmán” Xocas, presidente do padroado, concluíu Clodio González.

Un mestre adiantado ao seu tempo

A académica de número Fina Casalderrey detívose deseguido no Antonio Fraguas docente, “o mestre que explorou a cara oculta da Lúa”, e ollando a vella escola de Famelga referiuse tamén á pegada do mestre na propia concepción da educación de don Antonio. “Aquí descobre novos saberes e novas maneiras de os transmitir. Se algún día se dedicase á docencia, el nunca se limitaría a pendurar un mapa na parede para obrigar o alumnado a memorizar nomes”, dixo a tamén mestra meténdose na pel do Fraguas adolescente. “Explicaríalle a razón de por que os ríos van dar ao mar, de por que se forman as serras... Comezaría por espertar no alumnado a sede polo coñecemento e o gozo que el mesmo empeza a saborear; mostraríalles o contorno próximo para que, de maneira tanxible, chegasen logo á cara oculta da Lúa”, proseguiu.

Enchoupado igualmente polo maxisterio de Castelao, Sobrino Buhigas ou Losada Diéguez no Instituto de Pontevedra e de Risco, Otero Pedrayo ou Cuevillas no Seminario de Estudos Galegos, Antonio Fraguas debutou como docente interino no Instituto de 2º Ensino Santiago no curso 1928-1929, pouco despois de se licenciar en Filosofía e Letras, sección de Historia, con sobresaliente. “Dende entón o ensino foi o impelente da súa existencia, como profesor axudante na Facultade de Letras primeiro, como auxiliar de Historia despois..., logo de Xeografía e Historia no Colexio Subvencionado da Estrada. Figúraseme velo nunha das excursións de domingo dialogando co alumnado para conquistar ese afecto necesario: “Coñecedes algún edificio románico? Como é?”, recreou a académica.

A entrega como profesor non impediu que fose depurado e o 12 de novembro de 1936 foi apartado do ensino público durante anos. “Coma se o presentise, ao remate dese mesmo curso na Estrada redactara unha memoria de 22 cuartillas manuscritas que nos permite coñecer a súa concepción da docencia. Nelas incide en que ensinar é crear unha relación afectiva cara ao que se ensina”, detallou Fina Casalderrey. A Facultade de Filosofía e Letras foi a primeira en abrirlle de novo as portas. Máis tarde, xa como catedrático de secundaria, ensinaría no Instituto Masculino de Lugo, ata que en 1959 regresou a Compostela como profesor do daquela Instituto Feminino, o actual Rosalía de Castro, onde as súas alumnas lle chamaban San Antonio. O alcume dá conta dunha gran calidade humana de quen sempre defendeu o alumnado menos favorecido, como fixo ante un tribunal de reválida intercedendo por un rapaz de orixe humilde, fronte ao fillo dun home poderoso, para lle conceder o premio extraordinario.

Sentimentos da paisaxe

O académico de número e edafólogo Francisco Díaz-Fierros analizou por último as contribucións de Fraguas como xeógrafo, mergullándose na súa visión da paisaxe. “Foi un discípulo de Otero Pedrayo bastante particular que interpretou moi ao seu xeito a teoría oteriana dos tempos da paisaxe, xa que do cósmico quedou basicamente cos vales, do biolóxico, co xogo cromático estacional de carballeiras, soutos e bidueirais e, do histórico, cos pequenos recantos construídos co traballo calado e teimudo do labor campesiño. En definitiva, todo aquilo que tiña máis que ver coa humanización miúda do espazo natural”, resumiu.

Ao xeito de Rosalía, Fraguas considerou os vales e as augas que os regan como o marco fundamental da súa ollada á paisaxe, que non se serve só dos ollos para percibila. “Os sons do campo, como o do millo abaneado polo vento, ou os recendos da terra mollada despois das primeiras chuvias son sensacións que ninguén debería esquecer. A comuñón do ser humano coa natureza, que é o mellor xeito de valorar as paisaxes, debe de realizarse con todos os sentidos ben espertos. Pero se hai algo que distingue as descricións paisaxeiras dos vales e ribeiras galegos son as ilustracións literarias que normalmente as acompañan e que Fraguas recolle do cancioneiro popular ou dos poetas máis intimamente identificados co mundo campesiño, como Noriega”, valorou.

De Santiago e Lugo a Ourense

Sobre o tempo biolóxico, Fraguas salientou a variedade cromática de Galicia marcada polas estacións e o tempo atmosférico. “Nega con rotundidade que Galicia poida ser representada só por esa tonalidade verde que os incipientes axentes turísticos da época ou escritores de improvisadas sínteses tentaban difundir: Galicia Esquina verde, Rincón verde etc.”, detallou Francisco Díaz-Fierros. No tocante ás pegadas humanas na paisaxe, o seu centro de interese foron as pequenas construcións que os etnólogos e arquitectos definen como adxectivas polo seu carácter subordinado, como os pontillóns e os muíños, explicou.

A de Fraguas foi en calquera caso unha ollada á paisaxe non estática: “Esta estética do camiñante, tan particular, por exemplo, do peregrino a Santiago, foi tamén considerada por Antonio Fraguas, nese dinamismo que sempre envolveu as súas consideracións da paisaxe. Os camiños que nos levan dun lugar a outro son protagonistas excepcionais desa sucesión de ambientes nos que centrou unha boa parte das súas descricións paixaseiras de Galicia deseñando rutas onde o país se facía encontro e sorpresa”.

Francisco Díaz-Fierros referiuse neste punto a outro espazo vital de Fraguas, Lugo. Coa súa muralla describiu tamén “un xeito moi particular de camiño circular, no que a ronda polas antigas defensas faise atalaia excepcional”. Pero a intervención do académico rematou no lugar onde a empezara, o pazo de Trasalba de Otero Pedrayo. O vello mestre foi a primeira persoa á que escoitara falar, alá polos anos 20 do século pasado, da nova ciencia xeográfica. Décadas despois, en 1956, sería quen lle daría a benvida á RAG para ocupar a cadeira doutro mestre, Castelao. Neste 2019 Antonio Fraguas, coma eles, forma xa parte das figuras senlleiras de Galicia homenaxeadas co gallo do Día das Letras Galegas.

 

Otros articulos relacionados.....