Información
Galicia

Os espazos urbanos galegos preservan mellor que os rurais o equilibrio no número de falantes de dúas linguas

Información
11 Abril 2019 394 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

De esquerda a dereita, Jorge Mira, Mariamo Mussa, Alberto Pérez e Luís F. Seoane

A evolución do número de falantes de dúas linguas cambia máis lentamente se conviven nun entorno urbano que se o contacto se produce nun espazo rural. Un equipo de catro físicos alcanzaron esta conclusión logo de aplicar un modelo matemático que analiza a velocidade coa que varía o número de falantes de galego e castelán en Galicia dende hai case un século. 



Mariamo Mussa e Alberto Pérez Muñuzuri, da área de Física da Materia Condensada e da agrupación estratéxica CRETUS da USC; Luís F. Seoane, da Universitat Pompeu Fabra e do IFISC-CSIC de Mallorca; e Jorge Mira, do departamento de Física Aplicada e da agrupación AeMAT da USC, presentan estes achados nun artigo publicado este xoves en Nature Communications. O estudo divide Galicia en vinte áreas xeográficas e compara como é a velocidade de variación en función do grao de urbanización de cada zona xeográfica, se ben esta variación “non implica necesariamente unha perda de falantes de galego”, aclaran os investigadores. 

En base a unha serie de ecuacións, o equipo retrata a evolución do número de falantes de galego, castelán así como daquelas persoas bilingües. “En Vigo e A Coruña, as dúas maiores cidades galegas, a velocidade dese cambio prodúcese máis lentamente que en zonas rurais de, por exemplo, Ourense ou Lugo”, aclaran. Na súa opinión, esta evidencia experimental “amosa que o efecto globalizador do entorno urbano, lonxe de inducir unha hipotética e teórica homoxeneización, pode ter o efecto contrario”. 

De xeito paralelo, o estudo deste equipo de físicos identifica a existencia doutro mecanismo por riba da dinámica interna dos núcleos individuais de poboación e que se basearía nas relacións entre as diferentes zonas do territorio. En base aos datos obtidos e segundo o modelo de análise utilizado, os autores do traballo puideron obter unha medida cuantitativa do grao de conexión entre núcleos de poboación de grandes masas humanas a nivel xeral. Neste senso sinalan tamén que “as diferentes zonas de Galicia están bastante desconectadas unhas das outras”. Os autores descobren que “ambos os dous mecanismos de globalización, interno e global, operan de xeito distinto e poden competir entre si”. 

O laboratorio galego 
A realidade lingüística da comunidade galega así como a súa distribución demográfica e territorial “revélana como un laboratorio social de enorme importancia, xa que contén máis da metade dos núcleos de poboación de España”, aclaran os asinantes. Como eles mesmos poñen de manifesto a modo de exemplo, a particular distribución territorial de Galicia “ofrece moitas configuracións de poboación, que van dende aldeas de menos de dez residentes ata grandes concentracións urbanas con centos de miles de habitantes, como sucede nas áreas metropolitanas de Vigo e a Coruña”. 

Ademais dos achados e tendencias de variación identificados no estudo, o equipo de investigadores propoñen estratexias orientadas a desacelerar as dinámicas lingüísticas, como por exemplo “aumentar a influencia dos nodos rurais nos urbanos. Se os principais nodos de poboación estivesen máis conectados coa súa contorna, a rapidez do cambio lingüístico do rural ralentizaríase” . 

Curiosidades 
Co título ‘ Urbanity and the dynamics of language shift in Galicia’, esta é a primeira vez dende 1903 que a palabra ‘Galicia’ aparece no título dun artigo de investigación das revistas Nature ou Nature Communications. Na anterior ocasión que o fixera, fora nun traballo de observación de terremotos nesta comunidade. Polo que respecta á revistaScience e á súa cabeceira en acceso aberto Science Advances, a denominación ‘Galicia’ figura nunha ocasión, en 1884, nunha descrición xeolóxica de Asturias e Galicia.

Otros articulos relacionados.....

Que teñen preguiza. Nunca quixeron traballar:  Denuncia; Envíanos los datos a holgazan@acciónytransparenciapublica.com     mais sobre preguiza..+