O comité de empresa da CRTVG denuncia ameazas de despedimento a unha xornalista por reivindicar a pluralidade dos medios públicos
Os sindicatos consideran que a Corporación expedienta á traballadora por mencionar as
mobilizacións do persoal contra a manipulación mentres presentaba de xeito altruísta unha
gala benéfica contra o cancro á que asistía o presidente da Xunta
Santiago de Compostela, a 2 de agosto de 2018.- O comité de empresa da Corporación Radio e
Televisión de Galicia (CRTVG) denuncia que a dirección está a represaliar a unha traballadora por terse
posicionado publicamente a prol da pluralidade e a imparcialidade nos medios públicos e contra a férrea
manipulación informativa imposta pola actual dirección da cadea que está a provocar mobilizacións
masivas do persoal nos chamados “venres negros”.
A representación sindical considera desproporcionado, discriminatorio e indignante o expediente
sancionador por falta moi grave, con risco de despedimento, incoado contra unha xornalista pola
dirección argumentando que, supostamente, incumpriu unha norma que impide usar medios da CRTVG
para participar en actos alleos á Corporación, malia que a traballadora actuou conforme as medidas
habituais establecidas e lles solicitou aos seus superiores os permisos pertinentes para exercer como
presentadora, de xeito totalmente altruísta, na gala benéfica que organizou Asociación Española contra o
Cancro celebrada o pasado 22 de xuño en Compostela. O comité ten contrastado que a xornalista seguiu
escrupulosamente o protocolo que empregan o resto dos profesionais e das profesionais que participan
en actos deste tipo, incluíndo persoal directivo, que mesmo acode a eventos de carácter remunerado sen
que nunca se producise unha reacción semellante por parte dos actuais nin de anteriores responsables do
medio.
De feito, o propio colectivo de presentadoras e presentadores da CRTVG dirixiulle á dirección de
Recursos Humanos un escrito de solidariedade coa súa compañeira para expoñerlle que o procedemento
habitual que utilizan para ese tipo de colaboracións é o mesmo que o empregado pola profesional que
agora a dirección pretende sancionar.
Para o comité de empresa, a desmedida reacción da Corporación obedece exclusivamente a unha
represalia irracional contra a traballadora por ter presentado a súa dimisión nos labores de presentadora
en protesta polo férreo control informativo imposto actualmente nos servizos informativos da TVG,
pero tamén por ter aludido publicamente a esa situación durante a devandita gala contra o cancro
mentres estaba presente o presidente da Xunta que, a xuízo da representación sindical, no canto de
adoptar as medidas axeitadas para erradicar a censura previa e a manipulación informativa instalada nos
medios públicos na procura dunha auténtica rexeneración democrática permite que se sancione á
xornalista. Para o comité, a posición honesta da traballadora enaltece a imaxe pública da prestación e
contribúe a paliar o dano irreparable que están provocar as manipulacións da actual dirección sobre o
concepto que ten a cidadanía dos servizos públicos esenciais, polo que considera a apertura do
expediente sancionador un acto máis próximo á corruptela institucional que á normalidade democrática.
O comité de empresa tamén alerta do grave deterioro das relacións laborais na Corporación polas
decisións de parte do equipo directivo recentemente nomeado polo director xeral que, para o conxunto
dos sindicatos, non se seleccionou en todos os casos obedecendo aos criterios profesionais que deben
rexer imperativamente nunha entidade de carácter público.
Os sindicatos que conforman o comité de empresa da CRTVG esixen a retirada inmediata do expediente
á traballadora e aseguran que canalizarán todas as súas enerxías a prol do cumprimento da lei de medios
públicos de comunicación audiovisual de Galicia. Igualmente, solicitan a remuda do actual director
xeral baixo uns criterios estritamente democráticos que permitan rematar coa actual situación de
permanentes ataques a un persoal xa farto de confrontacións para defender a pluralidade e a
imparcialidade do servizo público de radio e televisión conforme establecen as normas esenciais sobre o
dereito fundamental á información.