FEIJÓO DEIXARÁ GALICIA CON 65.200 PARADOS MÁIS E 149.200 OCUPADOS MENOS QUE CANDO CHEGOU

Información
Galicia 28 Abril 2016 3307 votos Regístrese para votar

Quintas Gallego LinorsaMaría Quintas considera “inescusable” que o presidente da Xunta continúe negándose a comparecer no Parlamento logo do “fracaso inapelable” da súa política de emprego

Denuncia a adxudicación dos servizos de limpeza da Xunta a Linorsa, unha empresa “insolvente, que leva catro meses sen pagar aos seus traballadores”

Santiago de Compostela, 28 de abril de 16. A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, María Quintas, acusou hoxe ao presidente da Xunta de deixar Galicia con 65.200 desempregados máis e 149.200 ocupados menos que no I trimestre de 2009. Así o dixo logo de coñecer os datos da EPA que apuntan un incremento de 5.200 desempregados no primeiro trimestre do ano.

Sinalou que o legado de Feijóo “pasa por un mercado laboral máis precario, con maior temporalidade e un maior pobreza salarial, con menos postos de traballo e de menor calidade”. Este é o resultado dunha “política laboral fracasada” baseada na “precarización e a redución sistemática do orzamento destinado ás políticas activas de emprego, que reduciron en máis dun 50 por cento”, dende 420 millóns en 2009 a 209 en 2016.

Considera “inescusable” que o presidente da Xunta continúe negándose a comparecer no Parlamento e lembrou o veto ás peticións feitas dende o Grupo Socialista en todos e cada un dos plenos da Cámara celebrados nesta lexislatura.

Advirte que Galicia hoxe incrementa o desemprego por enriba da media, con 5.200 desempregados máis no primeiro trimestre, e é a segunda Comunidade Autónoma que máis emprego destrúe, con 11.400 ocupados menos, só por debaixo da Comunidade Valenciana.

Linorsa

A deputada socialista mantivo hoxe, xunto coa viceportavoz do Grupo Socialista, Carmen Gallego, un encontro cos representantes dos traballadores e traballadoras da empresa Linorsa, un “claro exemplo das consecuencias negativas da reforma laboral e do desleixo do PP na defensa dunhas condicións de traballo dignas”. Quintas explicou que esta empresa de limpeza é adxudicataria con varias consellerías do goberno galego mentres mantén aos seus traballadores sen cobrar dende hai 4 meses.

A responsable socialista esixiulle ao goberno galego que “renuncie a contratar con empresas insolventes” e introduza unha cláusula que permita rescindir o contrato, e subrogar aos traballadores e traballadoras, a empresas como esta que “ten as contas embargadas por Facenda e a Seguridade Social.

Dixo que a situación desta adxudicataria demostra que “as políticas de emprego do PP e a desatención sobre as condicións dos traballadores e traballadoras tan só provocan paro e emprego precario”, ademais dunha intolerable fenda salarial, nunha empresa que destina o 85 por cento dos contratos temporais a mulleres e reserva os contratos a tempo completo aos homes.