José Luis Méndez Romeu sinala que o escrito da Fiscalía confirma que “a austeridade de Feijóo e do PPdeG mata” as persoas

Información
Galicia 22 Abril 2016 4075 votos Regístrese para votar

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, acusou hoxe ao presidente da Xunta de impoñer un “aforro económico irrelevante ao prezo de a lo menos seis mortos”. O responsable socialista dixo que o escrito da Fiscalía polo retraso na administración de fármacos contra a Hepatite C confirma que “a austeridade mata”.

Méndez RomeuO responsable socialista mantivo unha xuntanza coa Plataforma de Afectados pola Hepatite C previa á sesión de control do Pleno da próxima semana, na que lle preguntará ao presidente da Xunta pola acusación contra dous altos cargos da Xunta por prevaricación na subministración dos medicamentos. Lembrou que a Fiscalía mesmo chegaba a imputarlles un “homicidio por imprudencia grave”.

Méndez Romeu esixiulle ao presidente da Xunta “primeiro unha explicación cabal, e a continuación o recoñecemento de que non actuaron correctamente e o cambio nas pautas” da atención aos doentes. O goberno galego, dixo, debe responder do auto da Fiscalía achacando os falecementos á política de austeridade e explicar se os altos cargos estaban obrigados a recortar custes e si actuaron de acordo con directrices políticas.

Reclamoulle a Feijóo que “dea as explicacións que no seu día negou a conselleira de Sanidade”, cando foi interpelada polos socialistas nos anos 2014 e 2015, xa que, dixo, “non podemos volver á vida a estes doentes, pero si podemos evitar que se repita este cúmulo de despropósitos”.

O portavoz socialista aludiu aos “retrasos inxustificados”, en ocasións de ata seis meses, que provocaron unha “agonía” nos pacientes “agardando por unhas promesas de tratamento que foron adiadas ata o seu pasamento”.

Xestión catastrófica

Méndez Romeu dixo que este é un paso máis nunha “xestión sanitaria catastrófica” durante os sete anos de goberno de Feijóo, que perpetrou baixo o paradigma da austeridade un “ataque a tres décadas de conformación da sanidade pública”. Dixo que o anuncio do Goberno central de incumprir o obxectivo de déficit e de buscar unha nova moratoria confirma que a austeridade non foi mais que “unha escusa para recortar”.

O deputado socialista acusou a Feijóo de ampararse baixo aquel mantra para “abrir negocio, impulsar o investimento privado e acabar coa universalidade”, como demostrou coa privatización do Hospital de Vigo ou coa contratación de servizos hospitalarios a empresas externas.