Información
Sergas

DENUNCIAN “COVARDÍA POLÍTICA” E “DEFICIENTE XESTIÓN” DA SANIDADE PÚBLICA POR PARTE DE FEIJÓO

Información
Xunta de Galicia 21 Enero 2020 2108 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

A viceportavoz do Grupo Socialista, Patricia Vilán, denunciou hoxe a “covardía política” e “deficiente xestión” da sanidade pública por parte do presidente da Xunta. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces do Parlamento, que fixou a orde do día do primeiro Pleno do ano no que o portavoz socialista, Gonzalo Caballero, preguntaralle a Feijóo pola súa xestión do peche do paridoiro de Verín.

Vilán criticou a “xestión pésima e moi deficitaria” dun conflito provocado a modo de “campo de probas” para o posible peche de paridoiros comarcais. Sinalou que “comezou apelando a criterios técnicos, á seguridade das mulleres, para ir cambiando o relato e en función das circunstancias e da presión social” e agora, rematou, “si que virán pediatras para subsanar uns erros que antes parecían ser imposibles”.

 

Este conflito, dixo, agocha en realidade a “falla de valentía política” do presidente da Xunta para afrontar o cambio que necesita a sanidade galega reforzando a Atención Primaria, no que o caso de Verín foi “a guinda” da súa “mala xestión”. Os socialistas galegos presentarán no próximo Pleno unha pregunta oral sobre a posibilidade de estender o peche de paridoiros a outros hospitais comarcais e unha interpelación sobre as recomendacións dos expertos de reforzo da sanidade.

Afán epistolar

A parlamentaria socialista lamentou que o presidente da Xunta amose “falla de valentía agás de para enviarlles cartas reivindicativas aos ministros socialistas”, nunha mostra de “afán epistolar que non lle xurdira co goberno de Rajoy”. Vilán reivindicou “prudencia e sentidiño” ante a presa do goberno galego por comparecer para dar conta do envío de cartas “sen agardar a que sexan contestadas”.

Reclamoulle ao presidente da Xunta que utilice o último período de sesións da Lexislatura para “cambiar a súa posición de mirar cara outro lado e deixar de xestionar os intereses de Galicia”. Esixiulle así que “deixe de dar pasos atrás” e demostre a “altura política que lle está a demandar a sociedade galega”

Os socialistas presentarán neste sentido unha moción para reivindicarlle ao goberno galego que asuma a súa “responsabilidade directa” na situación dos estaleiros de Barreras e Vulcano. Tamén presentarán dúas proposicións non de Lei sobre a xestión ineficiente do Igape por parte do goberno galego e do desleixo e ineficacia amosados diante da praga de xabaril no rural galego.

Eutanasia

Finalmente, anunciou unha interpelación na que lle reclamará ao goberno galego que renda contas do cumprimento da Lei do dereito á morte digna, aprobada en Galicia en 2015 por iniciativa do Grupo Socialista. Reclamou así un informe sobre a aplicación destas norma e “pasos adiante para decidir apoiar o dereito á liberdade das persoas para rematar coa súa vida de forma digna”.