Información
Portada

NON Á LEI MORDAZA, NON Á REPRESIÓN! orquestada polo Partido Popular para seguir impunemente baixo a corrupción

Información
18 Marzo 2018 1853 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

WhatsApp Image 2018 03 17 at 23.31.38O Manifesto da concentración: NON Á LEI MORDAZA, NON Á REPRESIÓN!

Como seguramente saberedes, a Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, coñecida como Lei Mordaza, que cumpre xa tres anos, segue campando ás súas anchas a pesar de que a maioría do actual Congreso se comprometeu a acabar con esta lei que vulnera numerosos dereitos humanos. O Congreso aprobou en novembro de 2016 e xaneiro de 2017 dúas propostas de reforma da Lei Mordaza . Desde entón, pasou xa máis dun ano e o proceso parlamentario atópase practicamente paralizado ou avanzando a un ritmo extremadamente lento.
Organizacións e colectivos sociais que denunciamos a arbitrariedade e falta de garantías desta norma estivemos seguindo de preto este proceso, e preocúpanos que ningún dos textos alternativos presentados recollan as nosas demandas, e que non ofrezan unha regulación garantista para o exercicio dos dereitos fundamentais.
Ademáis da Lei Mordaza, o estado está a utilizar unha interpretación extensiva dalgúns artigos do Código Penal para reprimir as voces disidentes. Exemplo disto son as recentes condenas aos rapeiros Valtonyc, Pablo Hasel e os 12 de La Insurgencia (5 deles, de Vigo), así como os máis de 70 xuizos nas diferentes etapas da “operación araña” por expresar opinións en redes sociais. Non esquezamos que xa están en prisión Alfredo Remírez e Julen Ibarrola, o primeiro por uns tuits e o segundo por unha pintada. E, en poucos días, o rapeiro Valtonyc ingresará tamén na cadea, por tres anos e medio, polas súas letras de rap, despois de que o Tribumal supremo confirmara a pena imposta pola Audiencia Nacional.
 
É o momento de saír ás rúas para mostrar o noso rexeitamento á Lei Mordaza e a todas as leis represivas, e presionar para que se garanta o libre exercicio dos dereitos humanos que son vulnerados por estas leis, tales como a liberdade de expresión, de reunión pacífica e de información, ou os dereitos dos migrantes e solicitantes de asilo que, ao amparo da lei de seguridade cidadá, son obxecto das "devolucións  en quente".
 
Desde que o pasado 1 de xullo de 2015 entrou en vigor a Lei Mordaza, estamos a vivir un incremento de abusos policiais e da vulneración de dereitos debido, en moitos casos, á discrecionalidade dos axentes nas súas actuacións polo poder de valoración que lles confire a Lei de Seguridade Cidadá. Con iso, están a producirse situacións insólitas de persoas que son denunciadas por policías, non só no marco de mobilizacións cidadás senón en moitos outros ámbitos, por motivos tan absurdos como non tratarlles de vostede, criticar a extralimitación das súas funcións, comer pipas dun xeito que lles moleste, ou levar unha camiseta cunha lenda reivindicativa, por poñer algúns exemplos. Segundo os últimos datos publicados polo propio Ministerio do Interior, en 18 meses o Estado recadou 131 millóns de euros coa Lei Mordaza. Das sancións por infraccións da lei de seguridade cidadá, un gran número son sancións a condutas por exercer os dereitos de reunión, expresión ou manifestación. 
 
Non podemos seguir permitindo que isto siga pasando, non só polo impacto sobre persoas en concretosenón tamén porque está a obstaculizar o dereito de organizacións e colectivos a protestar e expresar as súas reivindicacións, e isto, á súa vez, implica un impacto moi preocupante na defensa dos dereitos humanos.
Tamén son alarmantes os casos de xornalistas multados, o que coarta o dereito de liberdade de información. A liberdade de información é unha peza básica e irrenunciable dos sistemas democráticos e, como tal, non pode ter máis límite que os establecidos nos convenios internacionais e na xurisprudencia que os desenvolve, en particular a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos de 1966 e o Convenio Europeo de Dereitos Humanos e Liberdades Fundamentais de 1950. A Lei Mordaza é unha das armas utilizadas para frear a libre difusión de información, mesmo con sancións a xornalistas durante o exercicio da súa profesión.
 
Ademais, a Lei Mordaza recolleu unha disposición adicional (a décima) co obxecto de legalizar as expulsións sumarias e colectivas de persoas migrantes e solicitantes de asilo, tamén chamadas “devolucións en quente”, que moitas organizacións vimos denunciando desde hai anos. O pasado 3 de outubro de 2017 o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ratificou que son ilegais, condenando a España por levalas a cabo. O goberno debe deter dunha vez esta práctica que ten consecuencias terribles para os dereitos humanos das persoas que tentan chegar a Ceuta e Melilla.
 
Como saberedes, ademáis, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ven de condenar a españa por sancionar a dúas persoas que foran condenadas por un delito de inxurias contra a coroa. Di o TEDH que se vulnerou o seu dereito á liberdade de expresión. Estamos convencidas de que algo parecido sucederá cos centos de casos de represión que estamos a vivir, e coa propia Lei de Seguridade Cidadá, cando en Estrasburgo se resolvan os recursos presentados e os que se presentarán. Pero, mentras, hai algunhas persoas en prisión, miles de multadas, e todo un país condenado a vivir baixo a ameaza da represión.
 
Temos moitos motivos para saír á rúa, para berrar que non queremos nin imos aturar ningunha mordaza que vulnere os nosos dereitos e liberdades. Queremos expresar claramente o noso rexeitamento a toda lexislación represiva, e, hoxe dun xeito especial, á Lei Mordaza.
 
É o momento, é o noso momento!
Defendamos os nosos dereitos exercéndoos!
Non á lei mordaza! Non á represión! Sen liberdade de expresión non hai democracia!
Absolución La Insurgencia!