Información
Localidades de Galicia

O Concello xestiona ante costas a recuperación da senda litoral entre Carril e Bamio e propón ampliala ata Catoira

Información
09 Diciembre 2019 867 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

A firme aposta de Carou sobre esta iniciativa xustifícase en obxectivos turísticos e medioambientais. Independentemente do propio atractivo que a ruta tería pola beleza natural e paisaxística que supón remontar a beira do río dende a súa desembocadura en Carril e pasar polos Lombos do Ulla, contar con este novo recurso a pé do Parque Nacional das Illas Atlánticas e coa posibilidade de coñecer Cortegada, ofrécelle unha singularidade e un valor engadido difícil de igualar. A maiores, esta senda permitiría facer a pe parte do último tramo do remonte marítimo fluvial Xacobeo e seguir o roteiro dos cruceiros que a sinalan río arriba, dende Cortegada, no Mar de Arousa.

Esta ligazón coa tradición Xacobea tamén a pretende aproveitar o concelleiro de Turismo, xa que a senda entre Carril e Catoira permitirá dar continuidade cun trazado moi atractivo e cheo de contido á Variante Espiritual e á Ruta Padre Sarmiento, promovidas dende a Mancomunidade do Salnés. Con elo preténdese que Vilagarcía sexa un punto de referencia tamén no turismo dos camiños a Santiago para o cal, outro dos proxectos do executivo de Alberto Varela para este mandato é a posta en marcha dun albergue de peregrinos en Carril no edificio inacabado da casa de cultura, cunhas excelentes vistas a Cortegada, a Ría de Arousa e a desembocadura do Ulla.


A última cara deste poliedro da senda litoral entre Vilagarcía e Catoira daría resposta ao gran proxecto no que traballa a asociación de municipios do Ulla, o colectivo nacido como consecuencia da experiencia do programa de sendeirismo de Goza do Ulla, e que pretende crear unha gran senda unindo todos os concellos das provincias da Coruña e de Pontevedra polos que discorre o río Ulla. Coa execución da iniciativa de Carou, o tramo de Vilagarcía quedaría cuberto.

A maiores do comentado, non cabe dúbida que completar a posibilidade de percorrer a pé todo litoral de Vilagarcía suporía un importante atractivo, tanto para os propios veciños como para atraer visitantes. Tendo en conta a próxima execución do paseo marítimo de Vilaxoán, de crearse esta nova senda poderíase ir camiñando dende O Rial ata Bamio sen perder a vista do mar, coa salvidade dun pequeno tramo en Sobrán e o do paso pola zona portuaria de Valle Inclán.

Por último, cómpre salientar a positiva repercusión medioambiental que tería a actuación que, ademais de recuperar para o goce público unha zona hoxe descoñecida e en desuso pese á súa gran beleza, permitiría rexenerar unha extensa zona do noso litoral.

O proxecto para crear esta senda peonil dende Carril ata a fronteira con Catoira aínda está en fase moi incipiente. Trátase dunha actuación moi ambiciosa que, tal como se expuxo na reunión que mantiveron o concelleiro de Turismo e a edil de Urbanismo, Pola María, co xefe de servizo de Costas en Pontevedra, podería executarse en dúas fases. A primeira entre a zona de A Rosa, en Cata chegar á praia do Campanario, en Bamio. E a segunda, dende aí ata o linde co municipio de Catoira.

Primeiro intento durante o mandado de Dolores García

A idea de crear unha senda entre Carril e Bamio non é nova. Xa no ano 2006 durante o mandato do bipartito presidido por Dolores García se iniciaran as xestións para dar continuidade ao paseo marítimo Vilagarcía-Carril cun novo traxecto que discorrería entre A Rosa e a praia de Bamio, pero daquela a iniciativa non chegou a prosperar debido a falta de acordo con algúns propietarios de terreos sobre os que sería preciso actuar.