Información
Agenda de Galicia

800 participantes daranse cita na V edición da "Mascarada Ibérica"

Información
Localidades de Galicia 23 Enero 2019 368 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

A V edición da "Mascarada Ibérica" reunirá a 800 participantes procedentes de grupos diferentes lugares da xeografía nacional como Zamora, León, Pontevedra, Guadalaxara, Asturias, Cantabria, Lugo, A Coruña e Cáceres, así como grupos do país veciño, Portugal, xunto cos numerosos grupos da provincia de Ourense.

A presentación deste evento cultural tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández; a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía; a secretaria da asociación "Xuntos polo fulión" de Vilariño de Conso, María José Domínguez; e o presidente de "Fulións Rurais" de Viana, Jorge Domínguez.

Esta celebración cultural desenvolverase no municipio de Viana do Bolo, o día 26 de xaneiro a partir das 16.30 horas, e no Concello de Vilariño de Conso, o día 27 de xaneiro a partir das 11.30 horas. O obxectivo desta celebración coa que colabora a Deputación de Ourense é "dar a coñecer os entroidos ou carnavais de moitos lugares da Península e recuperar moitas máscaras que xa estaban en desuso", explicou Manuel Doval, quen lembrou que o Entroido en Ourense é "unha das celebracións máis importantes".

En ambos municipios celebrarase un desfile no que sairán á rúa as máis de 800 persoas procedentes dos 42 grupos participantes de diferentes lugares de España. Neste sentido, Jorge Domínguez dixo que se trata do "desfile multicultural e tradicional máis importante que se celebra en España, con 42 máscaras e que ten vocación de ser, co tempo, máis internacional". Así mesmo, o presidente de "Fulións Rurais" de Viana, quen sinalou que cada vez é maior o apoio da mocidade e das institucións con esta celebración, lembrou que Ourense é "a provincia con máis representacións de Entroido de España" e explicou que a data de celebración da "Mascarada Ibérica" está pensada para que teña lugar "antes de que tódolos grupos comecen coas festividades dos seus Entroidos".

Pola súa parte, a alcaldesa de Vilariño de Conso salientou que o máis importante desta celebración que "crece cada ano" é "que moitos Entroidos pequenos pódense presentar na Mascarada e, polo tanto, darlles a oportunidade de que non se perdan, así como o feito de poder ver tódalas mascaradas nun mesmo sitio". Así mesmo, Melisa Macía dixo que a "Mascarada Ibérica" ten un importante impacto socialmente, pero tamén economicamente, sendo "o escaparate perfecto para ensinar os noso produtos e a nosa riqueza paisaxística".

En canto á evolución desta celebración, Secundino Fernández fixo referencia a súa crecente participación pois "hai cinco anos comezamos con menos de dez grupos, e agora chegamos á quinta edición con 42 grupos participantes de moitos lugares de España" e convidou á xente a achegarse a este evento para "sentir a cultura e a tradición en directo no rural, onde se desenvolve o Entroido". Ambos rexedores locais aproveitaron para agradecer e felicitar ás asociacións de Viana e Vilariño polo seu labor organizativo nesta celebración.

Otros articulos relacionados.....