Mila Castro, presentou esta nova edición do Camiño da Diversidade, acompañada do alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira; da concelleira de Benestar Social de Ames, Luisa Feijóo; e de Claudia Balado, psicóloga da Fundación. A concelleira expresou o "orgullo" que para o Concello supón "colaborar con estas iniciativas, porque cando menos sérvennos para recoñecer a entidades como Ingada e o traballo impagable que realizan a diario".
"O Camiño da Diversidade vén a mostrarnos que a diversidade é un valor, e non un estigma e seguro este Camiño servirá para chamar a atención á cidadanía sobre o respecto á diversidade e sobre a necesidade de integración de calquera persoa, por diferente que sexa", apuntou Mila Castro.
A este recoñecemento e posta en valor da diversidade tamén se referiron a concelleira de Benestar Social de Ames e o alcalde de Padrón, vila esta última da que partirá o Camiño e onde se celebrarán as primeiras actividades da xornada, coa presenza dun grupo folclórico e cunha homenaxe a Rosalía de Castro.
A ruta terá a súa principal parada no Milladoiro (Ames), onde os/as camiñantes pararán a comer e participarán en diversas actividades, coma a construción dun "mural de soños". Pero ao longo do percorrido haberá outras accións, como xogos populares ou unha actividade de recoñecemento de flora e fauna, tal como explicou Claudia Balado, quen anunciou varias sorpresas.
Tras 19 quilómetros, o Camiño da Diversidade rematará na praza do Obradoiro, onde se lerá o Manifesto da Diversidade.
Aínda está aberta ata mañá mércores a inscrición para participar nesta ruta e xa hai unhas 300 persoas confirmadas, procedentes de diferentes partes de Galicia. Os/as participantes que acudan en autobús ata a Escravitude pagarán 10 euros, que inclúen o transporte e o seguro. Os/as que acudan pola súa conta teñen a inscrición de balde.