Información
Agenda de Galicia

Queremos Galego sae á rúa en Bergantiños para exixir “liberdade, igualdade e xustiza para o galego"

Información
Localidades de Galicia 13 Mayo 2019 471 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

A plataforma anima o pobo a dar un paso firme adiante a prol do noso idioma o 17 de maio, ás 12, na praza do concello de Carballo.

Bergantiños, 13 de maio de 2019.- A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 700 entidades, organizou para o vindeiro 17 de maio, Día das Letras, unha ducia de mobilizacións nas principais cidades e vilas do país para esixir “liberdade, igualdade e xustiza para o galego". Baixo o lema “Máis que nunca, Queremos Galego”, o colectivo quere recordar a importancia que os servizos municipais de normalización lingüística, as empresas concesionarias ou a formación do funcionariado seguen a ter para a defensa da lingua en todas as comarcas, en todos os concellos. Na comarca bergantiñá, a cita será ás 12h do mediodía na praza do concello de Carballo.

"Máis que nunca, queremos galego", recolle o manifesto deste 17 de maio, "porque a situación do galego é crítica mais a situación pode mellorar se se comezar por recoñecer o dereito a ser lingua visíbel, audíbel, e practicábel sempre, a respirar libremente en todos os espazos; porque o 22,7% das persoas de 4 a 15 anos non saben falar galego; porque existen límites de todo tipo, tamén legais, para empregalo con normalidade; porque o goberno galego non só non exerce o seu deber estatutario de defender a lingua, senón que actúa en contra, en ámbitos decisivos como a educación, a sanidade, a xustiza ou os medios de comunicación; e porque hai unha nova ofensiva xudicial e política contra o galego como a recente sentenza do Tribunal Supremo contra a ordenanza de normalización lingüística do Concello de Lugo".

"Máis que nunca, queremos galego", continúa, "para defender a liberdade, a democracia e a xustiza en Galiza; para que exista a posibilidade de vida normal en galego; para que non se vulneren os nosos dereitos lingüísticos, que son dereitos humanos; para que xuízas, fiscais ou avogadas entendan e empreguen o galego". "Máis que nunca, queremos galego", conclúe, "porque sen lingua non hai desenvolvemento social e económico, non hai liberdade posíbel, non hai igualdade, non hai xustiza. E sen liberdade, sen igualdade, sen xustiza non hai democracia".

"A situación do galego non é irreversíbel, pódese modificar garantindo os tres principios: liberdade, igualdade e xustiza", recorda o manifesto que se escoitará o vindeiro venres nas principais vilas e cidades de Galiza.

Otros articulos relacionados.....