Sala conclúe que se trata dunha subvención, polo que rexeita que se calculen de acordo á normativa contractual
12/05/2025.- A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considera que a natureza xurídica dos pagos que en concepto de bonobús financia o Concello da Coruña á Compañía de Tranvías é “a dunha subvención”, polo que revoga a sentenza que condenou a abonar os intereses de demora no pago conforme a normativa contractual, así como á Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
A Sala salienta que o que procedía era “aplicar o prazo e tipo de interese xerais para o pago das obrigas”. Desta forma, acolle en parte as pretensións do Concello, que deberá abonar devanditos intereses na forma sinalada. “Como non se contemplan no texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, debe estarse á normativa estatal supletoria, que é o artigo 24 da Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria, que establece un prazo de mora de tres meses, vencido o cal, e previa reclamación expresa, se aplicará ao principal o interese legal contemplado no seu artigo 17.2.”, explican os maxistrados.
O TSXG sinala que “unha cousa é a contraprestación para cubrir o déficit de explotación para manter o equilibrio económico financeiro da concesión, que ten natureza contractual, e outra é a medida de fomento que se persegue mediante a concesión de bonificacións, exencións ou outros beneficios a determinados usuarios dos servizos públicos, que é o que interesa”. Ademais, indica que, tal e como acredita o Concello, “a natureza de extracontractual do bonobús que abona directamente a entidade local á concesionaria tamén se contempla a efectos orzamentarios, xa que tal gasto se carga á partida con referencia 47901, que se corresponde con transferencias correntes a empresas privadas sen contraprestación, e non á partida 227 de gastos correntes por traballos realizados por empresas”. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.