ASGADeD vén de analizar en profundidade o novo procedemento de valoración conxunta e simplificada da dependencia e discapacidade en Galicia, detectando que numerosas modificacións introducidas no mesmo son prexudiciais tanto para as persoas usuarias como para as traballadoras, nun procedemento que máis que de simplificado debería ser cualificado de simplista, e que no fondo non é senón unha operación de propaganda para ocultar a mala xestión que das listas de agarda está facendo a Xunta de Galiza.
- En primeiro termo debemos destacar a INSEGURIDADE XURÍDICA para persoas usuarias e traballadoras provocada por las modificacións do procedemento, ao xerar múltiples contradicións entre a normativa marco base estatal e a nova regulamentación autonómica, chegando a cuestións moi graves, como limitar os dereitos das persoas solicitantes ao restrinxir a valoración presencial e xerar desigualdade para persoas usuarias e traballadoras, dado o diferente grao de implantación e diferente interpretación na aplicación do procedemento nas diferentes Delegacións territoriais, así como por xerar a necesidade de acudir a servizos de xestoría ou avogacía para a realización dos trámites.
- Seguidamente cómpre abordar a cuestión central, é dicir, o EMPEORAMENTO DA CALIDADE DAS VALORACIÓNS:
- A calidade das valoracións está reducíndose pola restrición da valoración presencial, debido á habitual falta de información detallada axeitada, pois a nova normativa imposibilita unha aplicación rigorosa dos baremos, tanto o médico-psicolóxico (marcadamente en dominios fundamentais como o do autocoidado e o da mobilidade) como o social (xa que o ISU, Informe Social Unificado, de existir, non achega a información necesaria). A imposibilidade de aplicación rigorosa dos baremos está impedindo que se adecúen á realidade e a situación da persoa avaliada, podendo supoñer incluso no caso da valoración telefónica un risco de suplantación de identidades. Existen casos nos que os propios profesionais fan constar nos expedientes as limitacións para a correcta valoración que lles supón a obriga de valorar por informes en contra do seu criterio técnico.
- A supresión do Informe de Condicións de Saúde vai reducir a calidade da valoración pois, a efectos prácticos, está recaendo nas persoas técnicas a revisión por sistema de todo o historial clínico para obter información suficiente das persoas solicitantes, supoñendo paralelamente un aumento exponencial da carga de traballo.
- O novo sistema de homologacións supón tamén unha perda de calidade pois se trata dunha homoxeneización sen base técnica nin correspondencia coa realidade de situacións moi dispares e que, ademais, non valora cuestións moi importantes, como as necesidades de autocoidado e a condición de mobilidade reducida.
- A participación de persoal non especializado tecnicamente no procedemento de valoración, vai tamén reducir a calidade da valoración, ao permitir que esta función a realice persoal dos sistemas sanitario e social comunitarios, sen a axeitada formación para unha labor tan técnica e diferenciada e que están xa sobrecargados de maneira estrutural.
- O aumento de carga de traballo que supón o sistema de “produtividade”, co incremento de horas traballadas e/ou da velocidade das valoracións, senta tamén as bases para reducir a calidade da valoración.
- A estas negativas consecuencias temos que engadir tamén o RETRASO NA VALORACIÓN DE PERSOAS EN IDADE ESCOLAR, prexudicadas directas por retirarlles a condición prioritaria ao rango de 4 a 18 anos, E EN IDADE LABORAL, prexudicadas indirectas (ao igual que tamén as escolares, que son dobremente prexudicadas) do aumento da cota de persoas prioritarias por idade avanzada, ao darlle condición prioritaria tamén ás persoas de 80 a 89 anos. Ambos colectivos polo tanto tardan máis en beneficiarse de contar co recoñecemento da discapacidade a nivel escolar e laboral, co efecto negativo que supón para a súa inclusión e tamén para a súa evolución.
- A FALTA DE EFICIENCIA REAL e tamén unha característica do novo procedemento, xa que a aceleración da que presume a Consellería con “milleiros de valoracións realizadas en tempo récord” ven derivada dunha parte opaca do novo procedemento, non publicada no DOG e que só figura nas Instrucións aos traballadores, que establece a valoración por informes como a norma xeral para as solicitudes presentades antes do 1 de Xaneiro de 2025, antes da entrada en vigor do novo procedemento, profundando así aínda máis na inseguridade xurídica e desigualdade para traballadores e solicitantes. Paralelamente, en demasiadas ocasións as persoas ás que se pretende valorar por informes, ou ás se lles aplica a homologación, rematan sendo avaliadas presencialmente polos equipos, por falta de información e/ou desacordo coa homologación, e polo tanto non resulta nunha redución efectiva das listas de agarda, senón que engade demoras. Ademais, a nivel administrativo xéranse novos trámites de solicitude de información complementaria que aumentan a sobrecarga dos servizos e supoñen máis demora na tramitación do expedientes.
- Outra característica do novo procedemento é que ocasiona INCOMPRENSIÓN DO SISTEMA DE VALORACIÓN por parte das persoas usuarias, polo incumprimento do procedemento, como en casos nos que se está realizando antes a valoración de discapacidade que a de dependencia en contra do regulamentado, ou nos casos en que que a grandes dependentes non se lles valora por homologación a mobilidade reducida, chegando a ter que ser citados presencialmente para tal fin por falta de información. Ademais, a exclusión dos servizos sociais comunitarios da presentación das solicitudes implica para os cidadáns carecer do necesario asesoramento sobre os seus dereitos.
- Todo isto vai provocar un EMPEORAMENTO DAS CONDICIÓNS LABORAIS DAS PERSOAS TRABALLADORAS das equipas de valoración, polo aumento da carga de traballo, pola interferencia de cargos administrativos en cuestións técnicas e polas presións para a participación no sistema de produtividade. Ao tempo, poténciase a percepción, por unha parte da cidadanía, de que o elevado tempo de agarda para as valoracións débese ao baixo rendemento do persoal técnico, como consecuencia de que a Administración está difundir, a través dos medios de comunicación, a idea de que se van a reducir as listas de agarda, cando menos en parte, mediante remuneracións complementarias.
- E coma sempre que as políticas neoliberais depauperan a calidade dun servizo público, as modificacións realizadas abren a posibilidade de PRIVATIZACIÓN DA XESTIÓN DE PARTE DO PROCEDEMENTO, tanto coa posible intervención das mutualidades na emisión de informes de saúde como pola necesidade xerada aos cidadáns de acudir a servizos de xestoría ou avogacía de pago ao trasladar sobre eles parte da carga administrativa.
Por todo o exposto, a Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) reclámalle, á Consellaría de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, a retirada inmediata do procedemento simplificado, mantendo en todo caso a determinación dos criterios de gravidade para as tramitacións prioritarias, a única das modificacións que se axusta ao marco legal vixente.
Reiteramos que so hai unha vía para garantir medidas de apoio ás persoas dependentes ou con discapacidade e para superar a cronificación das listas de agarda galegas: dotar de máis persoal e medios aos servizos públicos responsábeis das valoracións da dependencia e da discapacidade.