OS SOCIALISTAS CRITICAN A FALTA DE TRANSPARENCIA DAS CONTAS DO SERGAS, QUE XESTIONA O 40 % DOS RECURSOS DE GALICIA, MENTRES A SANIDADE SEGUE EN SITUACIÓN CRÍTICA
A portavoz de Economía e Facenda do Grupo Parlamentario denuncia o incremento constante da temporalidade nos contratos de persoal do Servizo Galego de Saúde
Patricia Iglesias: “Como se pode explicar que Asturias invista en sanidade pública case 300 euros máis por habitante e ano que Galicia?”
Santiago, 21 de xullo de 2024. A portavoz de Economía e Facenda do Grupo Parlamentario Socialista, Patricia Iglesias, criticou con motivo dos cen días de goberno de Rueda que a Xunta siga carecendo dun plan de contabilidade pública adaptado ao plan xeral de contabilidade aprobado no 2010, como tampouco dispón dun plan estratéxico de subvencións, nin de plan anual de contratación, nin de rexistro de entidades de administración paralela, obrigatorio dende o 2011 e respecto do que Galicia é “a excepción de todas as comunidades autónomas, pero non para ben”.
Pero polo que mostrou especial preocupación Iglesias foi pola situación do Servizo Galego de Saúde. “Segue sen contar con sistema de contabilidade integral, a pesar de xestionar o 40 % dos recursos”, alertou. É “significativo”, indicou, que a actividade hospitalaria con medios alleos nas áreas sanitarias de Lugo e Ourense represente unhas porcentaxes próximas ao 40 %, cun conselleiro de Facenda “obsesionado por que non se incremente o capítulo I” dos Orzamentos, o correspondente a gastos de persoal.
“Non dispoñen de plan de choque para a masiva xubilación dos empregados públicos e os novos roles que deben terse en conta nunha xestión eficiente duns recursos humanos do século XXI, ante a irrupción da intelixencia artificial e as tecnoloxías da información e as comunicacións”, asegurou Patricia Iglesias sobre o que cualificou de “inacción” por parte do Goberno galego.
A deputada socialista lamentou comprobar como “ano tras ano” se incrementa a temporalidade da contratación por parte do Sergas. “E logo bótanlle a culpa a Pedro Sánchez de que moito do noso talento fuxira de Galicia en busca de mellores condicións laborais durante as políticas de recortes da dereita”, engadiu.
Nese senso, confrontou o modelo do Goberno socialista do Estado, que ante un escenario de escalada de prezos promoveu unha subida dos salarios dos empregados públicos, “cun incremento acumulado dun 9,5 % en tres anos”. A receita do presidente Feijoo no 2009 durante a crise foi “rebaixalos un 7 % dunha tacada”.
Patricia Iglesias asegurou que á Xunta “fáltalle moito camiño por percorrer desde o punto de vista da calidade e da eficiencia no gasto público”. “Como se pode explicar que Asturias invista en sanidade pública case 300 euros máis por habitante e ano que Galicia e que teña unha débeda do 14,8 % fronte ao 17,2 % da comunidade galega?”, preguntouse.