A xuíza instrutora conclúe que hai indicios de que dous irmáns policías de Ourense mataron un compañeiro tras roubar armas de comisaría

Información
30 Mayo 2023 - Hoy es noticia - Correo electrónico - Imprimir - 2184 votos

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 de Ourense concluíu a investigación sobre a subtracción de armas e a morte, en abril de 2016, dun axente na Comisaría da Policía Nacional de Ourense e acordou transformar as actuacións para o seu axuizamento ante o Tribunal do Xurado, pois considera que os dous irmáns policías investigados poderían ser autores dun delito de asasinato ou homicidio e dun roubo con forza.

A xuíza destaca no auto, contra o que cabe presentar recurso, que, das dilixencias practicadas, se desprenden indicios de que ambos os axentes, “de forma conxunta e planificada”, subtraeron seis armas do interior do búnker da comisaría e, cando estaban a ser investigados por iso, co obxectivo de conseguir a súa impunidade, “fixeron uso dunha delas para propinarlle un disparo na cabeza ao seu compañeiro, atribuíndolle o envío de anónimos e a subtracción das armas”. No auto, relata que os dous investigados, que desempeñaban “funcións de importancia na comisaría”, e mais a vítima mantiñan unha relación de amizade e compartían a afección polo tiro. Con todo, a instrutora afirma que, ao chegar un novo comisario, “se viron desprazados por outros compañeiros policías, foron trasladados do seu posto de traballo e privados do uso da galería de tiro”.

“Os dous irmáns sentíronse menoscabados profesionalmente, querían continuar coas súas funcións, cos seus despachos e co uso da galería de tiro”, asegura a xuíza, quen sostén que, ao se veren privados de todo iso, “trataron de prexudicar os compañeiros cos que tiñan rivalidade profesional, tratando, entre outras cousas, de recuperar a praza que tiñan e o uso da galería de tiro”; e mais os mandos policiais “por retirarlles parte das funcións e por outras desavinzas profesionais”. Pola súa banda, o falecido, segundo o auto, “quería mellorar na súa profesión, pois pretendía o posto de armeiro da comisaría”.

A maxistrada manifesta que, para conseguir o seu obxectivo, os dous irmáns “urdiron un plan, que o falecido coñecía, e crearon rastros falsos de acceso a datos reservados coas claves doutros policías para prexudicar os seus titulares”. Ademais, segundo sinala a instrutora, “accederon ao búnker da comisaría sen autorización para levar seis armas e enviaron escritos anónimos á unidade de asuntos internos atribuíndo todos estes feitos a outros policías”. Con todo, a maxistrada subliña que, tras se iniciaren as investigacións, as cales en abril de 2016 chegaron a apuntar como autores os dous irmáns, “medorentos de que o seu compañeiro terminase por confesar, prepararon a súa morte”.

En concreto, a instrutora afirma que existen indicios de que o 9 de abril de 2016, entre as 15:55 e as 17:00 horas, un dos dous irmáns axentes (B.D.) efectuou un único disparo á cabeza da vítima, a cal faleceu de forma inmediata nun despacho da quinta planta da comisaría. Mentres, o seu irmán, que o trasladara ás dependencias policiais, esperou a que se introducise no turismo para abandonaren ambos as instalacións. “Para evitar a investigación, trataron de simular un suicidio mediante a realización dun único disparo, a colocación da arma sobre a man do falecido, introducíndoa debaixo do pantalón, manipulando o lugar en que se produce a morte para asegurar a detección de residuos de disparo na man que efectúa o disparo, realizando o envío dun correo electrónico desde o correo do falecido atribuíndose a autoría dos anónimos e da subtracción das armas e realizando o envío dunha mensaxe desde o teléfono a un grupo de WhatsApp”, asegura a maxistrada, quen resalta que actuaron así “para facer que as autoridades cresen que o seu compañeiro decidira acabar coa súa propia vida por sentirse culpable do sucedido”.

A titular do Xulgado de Instrución número 3 de Ourense enumera entre os “feitos básicos e de singular potencia acreditativa” o achado de ADN dos investigados no papel con pólvora que foi localizado baixo o corpo sen vida do axente, así como que a vaíña -parte do cartucho que contén a carga de pólvora- atopada xunto ao cadáver fose idéntica á achada nos armarios dos dous investigados, pois ambas son da fábrica Santa Bárbara do ano 2000.

Ademais, a xuíza destaca que a pólvora localizada debaixo do cadáver e no xersei que vestía o falecido é “idéntica” á achada no interior dun cartucho atopado nos armarios dos dous irmáns, ao tempo que subliña que se localizaron residuos específicos de disparo no papel situado baixo o corpo da vítima e na parte traseira do seu xersei “en cantidade superior á que corresponde a un disparo”. En canto ao movemento do ascensor, que sobe cara a outra planta momentos antes de chegar o falecido, a maxistrada indica que, tal e como se visualiza nas gravacións, non foi accionado por ningún dos cinco axentes que a esa hora se atopaban en comisaría. “A presenza desa terceira persoa na planta quinta pouco antes da morte do axente permite inferir a intervención dun terceiro”, asegura.

No auto tamén resalta que a corredeira da arma estaba aberta e sen cargador debaixo do corpo, unha circunstancia que sinala que, tal e como indican os informes periciais, “non é posible”, xa que “no tempo que transcorre desde o disparo ata que lle atravesa a cabeza non é posible facer movemento voluntario ningún”. Así, incide en que “non é posible sacar o cargador despois de morto”.

Na resolución, ademais, explica que as manchas de salpicadura de sangue nas proximidades das extremidades do falecido tamén avalan a intervención dunha terceira persoa, do mesmo xeito que os informes periciais, segundo os cales unha persoa similar á vítima sentada na máxima altura ou posición que permite a cadeira que estaba no despacho “non ten a cabeza, de ningún xeito, na traxectoria percorrida polo proxectil”. A instrutora recalca que todos os informes elaborados descartan “o disparo a pouca distancia”, á vez que fai referencia a que o corpo carece “de feridas que sexan consecuencia de caída ningunha, xa sexa con mesa, armario ou calquera outro obxecto”.

Armas e anónimos

No despacho en que foi achado o cadáver do policía atopábanse tres das armas subtraídas no búnker da comisaría entre finais de 2014 e febreiro de 2015. A instrutora afirma no auto que a ausencia de ADN da vítima en dúas das armas (a terceira foi coa que presuntamente se disparou), unha das cales estaba no arquivador, á vista; e a outra, pechada baixo chave, “permite inferir que non é o falecido quen as toca e as pon alí”, asemade conclúe que “carece de lóxica que non haxa ADN da vítima se fosen deixadas por ela unha vez tomada a decisión de se matar e de enviar unha mensaxe recoñecendo a subtracción”.

No auto, a instrutora tamén manifesta que é “absolutamente ilóxico e inverosímil que se dispare pola culpa de cometer uns feitos nos que non interveu”, pois indica que os datos de xeolocalización do falecido o sitúan “fóra dos lugares e momentos en que se crean as contas, a nota anónima ou se envía o primeiro anónimo”. 

Escena manipulada

“Son múltiples e unívocos os indicios obtidos na instrución practicada, se ben con non poucas dificultades, por canto a propia simulación, no seu caso buscada voluntariamente, fixo extraordinariamente dificultoso o achado de evidencias”, sinala a titular do Xulgado de Instrución número 3 de Ourense. O auto no que ordena a transformación das actuacións en procedemento para ser axuizado polo Tribunal do Xurado non é firme, pois contra el cabe presentar recurso.

social youtube xornalgalicia   feed-image
Adjuntos
Auto 797 16 Anonimizado.pdf [806.59Kb]
Subido Martes, 30 Mayo 2023 por xornalgalicia

Videos más vistos hoy de Xornal Galicia Televisión

Vídeo
Vídeo
Vídeo
Vídeo
Vídeo

Están leyendo; xn  Atún Tuny, Ancla, Capitán Nemo, Martuna  xn  Asesora de Feijóo   xn  Pladesemapesga xn Circos del PP xn Elecciones 2024    xn     Corrupción  Mar Sánchez Sierra. - Más

También es noticia hoy  | Millan Calenti |   Grupomar  |   Autrey  |  RealidelPacífico |   Elecciones   |   Candidatos  |   P.González   |   Mar Sánchez  |   Acoso  |   Blanqueo  |   Perú  |   Trama Norte   |   Pesca Ilegal

  • Agencia Noticias
  • Columnistas.
  • Diario Marítimo.
  • ONG
  • AyTP.
  • Wassap
  • Youtube XGRTV