Pizarras Universal SL non pode limitar o acceso público á información
O Xulgado do Contencioso Nº2 de Lugo desestima a demanda presentada por Pizarras Universal contra o Sindicato Labrego
Entre outras denuncias, a canteira Louseiras de Xemil ten aberto un expediente sancionador por verquidos de augas residuais
Lugo, 17 de Xullo 2025. A O Xulgado do Contencioso Nª2 da cidade de Lugo vén de desestimar a demanda presentada por Pizarras Universal SL na que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) era codemandado canda a Consellería de Economía, Industria e Innovación por ter solicitado -co beneplácito administrativo, cumprindo a Lei- información sobre a vixencia da concesión e dos permisos de explotación aprobados da concesión Mondoñedo Fracción segunda, de titularidade da devandita empresa, situada no concello da Pastoriza (Lugo).
Fronte ao exercicio deste dereito, Pizarras Universal interpuxo demanda alegando falta de interese lexítimo e carácter confidencial da información, argumento que o Xulgado Nº2 desbota subliñando que “os motivos de denegación [do acceso á información] deben interpretarse de modo restritivo”, e condena á empresa a pagar as costas (500€).
Así, ao tempo que compila corpus lexislativo no que o acceso á información figura recoñecido nos termos exercidos polo SLG, o Xulgado Nº2 destaca no seu auto que, como fica recollido na Instrución 6/2018 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre acceso á información pública en materia de minas (DOG 20 de agosto de 2018) “a minaría é un ámbito particularmente sensible ás demandas de transparencia dos cidadáns e das cidadás, dadas as repercusións económicas, sociais e ambientais que esta actividade pode chegar a xerar” e recoñece que ademais constitúe, así mesmo, “unha materia de xestión administrativa e técnica complexa, na cal diversidade de procedementos e actuacións se levan a cabo simultánea ou sucesivamente respecto dun mesmo dereito que estende a súa vixencia ao longo de amplos períodos de tempo”.
Á vez que ao abeiro dun xeneroso financiamento público proliferan os negocios privados vinculados á xeración de enerxía e ás novas tecnoloxías, nos últimos anos a cidadanía no seu conxunto -da cal proceden estes cartos- vén padecendo dunha moi preocupante redución dos seus dereitos no tocante ás posibilidades de obter información e defenderse destes proxectos.
Estamos a falar de controvertidas iniciativas industriais rexeitadas pola poboación da contorna, que na súa inmensa maioría implican irreversíbeis impactos medioambientais, así como económicos e de saúde para as persoas que habitan nos terreos cobizados por estas empresas.
No caso que nos ocupa, por exemplo, neste momento está aberto un expediente sancionador incoado contra Pizarras Universal, S.L. por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil debido a vertidos de augas residuais sen contar coa preceptiva autorización deste organismo, procedentes destas instalacións da empresa no lugar de Xemil (parroquia de Bretoña, A Pastoriza; Lugo). A denuncia foi realizada polo SLG, e tamén interpuxemos varias denuncias ante o SEPRONA por irregularidades varias nesta canteira (Louseiras de Xemil).
O acurtamento de prazos de exposición pública, as dificultades engadidas no proceso de presentación de alegacións ou as expropiacións forzosas e relaxación dos estándares medioambientais a través de figuras como a categoría “PIE” (Proxecto Industrial Estratéxico), concretan algunhas das consecuencias desta interpretación capitalista das responsabilidades administrativas vencelladas ao coidado da Natureza. Na Galiza, o corpus de leis de depredación (Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, Lei 9/2021 de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia e a recente Ley 2/2024, de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos dos Proxectos que utilizan Recursos Naturais de Galicia) ilustran de xeito paradigmático este proceso, que tamén podemos identificar a nivel estatal e europeo.
Porén, tentativas de debilitar inda máis a resposta social como a realizada por Pizarras Universal evidencia, unha vez máis, a vontade destas empresas de exercer unha posición de forza e presión, mesmo por riba das decisións da Xunta de Galicia, que non pode máis que remitirnos a unha prepotencia sostida grazas aos continuos privilexios que lles proporciona a connivencia con este sector por parte da propia administración galega, ao que habitualmente apoia con tanto nas súas actuacións como nas súas declaracións.
Cabe lembrar a este respecto, que logo dunha denuncia lanzada por organizacións sociais, e realizada a correspondente auditoría, fai apenas un mes a Cámara Mineira foi condenada a devolver 192.150 € dun “convenio de colaboración” entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade -presidida daquela pola actual Conselleira de Economía e Industria-, por mor da utilización irregular deste cartos procedentes dos fondos públicos europeos PERTE.
“Ao igual que está a pasar cos polígonos industriais eólicos, tamén os xulgados están a ter que pór couto aos abusos das empresas mineiras”, alerta a Responsábel da Loita contra o Acaparamento de Terras no SLG, a chairega Margarida Prieto Ledo. “Esta resolución deixa claro polo menos dúas cousas: unha, seguir confirmando que estas empresas están dispostas calquera tipo de estratexia para acaparar as terras nas que queren impoñer os seus negocios; e dúas, que cando as persoas nos xuntamos e traballamos unidas loitando polos nosos dereitos é posible facerlle fronte a estes xigantes, por moi grandes que sexan”, apostilla.
Dende o Sindicato Labrego Galego seguiremos levando adiante tódalas accións que estean na nosa man para protexer o noso medio rural, apostando por actividades produtivas que coiden da saúde das persoas e da Natureza, como a agricultura e a gandaría ecolóxica, que contribúan ao desenvolvemento de modelos económicos respectuosos e verdadeiramente enriquecedores para a súa contorna e que dinamicen a atracción e fixación de poboación requirida para termos un medio rural vivo.