Usuarios iconotwitterTwitter         rss icono-  RSS.-   Youtube envelope mail icon free vector  Contacte   iconopublicidadPublicidad  222118  Mapa Web logo proveedores 


Noticias de última hora sobre la actualidad en España y el mundo: política, economía, deportes, cultura, sociedad, tecnología, gente, opinión, viajes, moda, .
 
Galicia Noticias
Open menu

Máis dun milleiro de persoas desfrutaron en Ames do Cinema Miúdo

Información
17 Noviembre 2024 - Agenda - Correo electrónico - Imprimir 980 votos

O festival internacional de cine infantil de Ames clausura a súa sétima edición mantendo as boas cifras de asistencia do ano pasado, con máis dun milleiro de asistentes ás súas actividades.

| Na gala de clausura deste domingo desveláronse os premios Axóuxeres, Buxainas e El Hematocrítico.

17.11.2024 | Cinema Miúdo volveu sorprender coa súa sétima edición, transportando a nenos e nenas de todas as idades a unha viaxe máxica pola historia do cinema. Cunha programación repleta de novidades, o festival consolidou a súa posición como un dos referentes do cinema infantil en Galicia e España. Ademais de gozar das proxeccións, os asistentes puideron participar en talleres de fotografía analóxica, asistir a actuacións musicais e descubrir as orixes do cinema en seccións especiais dedicadas aos pioneiros da animación e a comedia.

 

Durante esta fin de semana máis de mil persoas, das que 450 foron público escolar, pasaron polos auditorios do Milladoiro e Bertamiráns. Cinema Miúdo demostrou ser un evento fundamental para fomentar o amor polo cinema nos máis pequenos, especialmente en Ames, o concello con máis ratio de nenos e nenas de Galicia. Con cada edición, o festival crece e consolídase, creando un espazo para compartir emocións e experiencias co cinema como catalizador da creatividade, a diversión e o pensamento. 

Palmarés

Na gala de clausura, celebrada o domingo ás 18:30h no Auditorio do Milladoiro, déronse a coñecer os filmes gañadores desta sétima edición e os asistentes desfrutaron do concerto interactivo e cinematográfico de Caspervek. O dúo vigués interpretou coñecidas bandas sonoras coa axúda dos miúdos e miúdas presentes e púxolle música en directo a Unha semana, divertidísima comedia física de Buster Keaton. 

 

A gala de clausura estivo marcada pola emoción ao coñecer aos gañadores desta edición.  Os premios do xurado estiveron dotados con 500 € e os do público con 200 €, ademais da correspondente estatuíña obra do artista plástico galego Pelucas. O xurado estivo composto por tres profesionais do sector: o ilustrador de cómics e director de animación, gañador dun Premio Goya, Martín Romero; a directora e animadora portuguesa de filmes de animación, Alexandra Ramires e o director da editorial infantil OQO, Xoán Couto.

 

A película francesa Nube alzouse co premio do xurado na categoría Axóuxeres (menores de 7 anos), cativando ao público coa súa delicada animación e a súa emotiva historia sobre a familia. Esta coprodución franco-mexicana-húngara transpórtanos a un mundo onírico onde as nubes senten e experimentan. A historia de Noma, unha nube branca e esponxosa que loita por salvar á súa filla dun destino tráxico, convídanos a reflexionar sobre a fraxilidade da vida e a importancia da familia. Nesta mesma categoría A Panadería de Boris recibiu unha mención especial pola súa creatividade e orixinalidade.

 

As Catúsicas da noite foi recoñecida tamén polo xurado como a mellor curtametraxe na categoría Buxainas (maiores de 7 anos). O filme francés, que puido verse por primeira vez en toda España en Cinema Miúdo, transpórtanos a unha máxica e inquietante aventura nocturnana que un neno curioso adéntrase no bosque e descobre un mundo oculto, habitado por misteriosas criaturas. A atmosfera escura e poética, combinada coa animación artesanal, crea unha experiencia única que cautivou a xurado e asistentes.

 

O público tamén emitiu o seu veredicto. As votacións foron recollidas mediante un aplausómetro, que mediu a cantidande e duración dos aplausos tras cada curta proxectada. A máis aplaudida da categoría Axóuxeres foi Ahru, animación arxentina sobre un gardián do deserto. Por outra banda, o público elixiu mediante os seus aplausos a curta O misterio dos calcetíns desaparecidos como a favorita na categoría Buxainas, unha peza de animación de Estonia que transporta ao público a un mundo de cor no que obxectos esquecidos cobran vida e importancia. Os escolares tamén decidiron mediante aplausos á súa favorita, que foi As regras do xogo, de Christian Zetterberg.

 

Premio Axóuxeres do xurado: Nube

Christian Arredondo Narvaez e Diego Alonso Sanchez de la Barquera Estrada (Francia, México e Hungría, 2023).

 

Premio Buxainas do xurado: As catiúscas da noite (The night boots)

Pierre-Luc Granjon (Francia, 2024)

 

Premio Axóuxeres do público: Ahru

Leandro Martínez (Arxentina, 2023)

 

Premio Buxainas do público: O misterio dos caltíns desaparecidos

Oskar Lehema (Arxentina, 2023)

 

Premio do público escolar: As regras do xogo (Spelregler)

Christian Zetterberg (Suecia, 2024)

 

Premio Hematocrítico: Empurra (Pousse)

Oana Lacroix (Suiza, 2024)

 

Cinema Miúdo

Cinema Miúdo é un festival de cine infantil nado no concello de Ames en 2018 que cada ano crece en número de espectadores e repercusión. O festival, que ten carácter internacional,  quere proporcionar ao público miúdo galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo. Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Isto ten especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.

 

Nas anteriores edicións de Cinema Miúdo, o público gozou de sesións con filmes de Galicia, Francia, Corea, India, Afganistán, Marrocos ou Estados Unidos ademáis de sesións específicas para escolares, mesas redondas para a comunidade educativa, obradoiros, e sesións musicais.

social youtube xornalgalicia   feed-image