- ADEGA edita o nº 91 de Cerna, a maior revista sobre o medio ambiente e ecoloxía de Galiza, xa dispoñible en formato dixital.
- A publicación recolle diferentes crises ecosociais que sobrevoan Galiza e respostas ecoloxistas e de educación ambiental imaxinativas e ilusionantes.
Santiago de Compostela, xoves 1 de agosto de 2024.- Dos pellets ata Altri, pasando por unha aproximación ao ecofeminismo, un chamado ao traballo social a desenvolver un enfoque ecosocial, ou un proxecto de educación ambiental para achegar a fauna mariña á rapazada ourensá. O novo número da Revista Cerna editada pola organización ecoloxista ADEGA aborda diferentes ameazas ambientais e recolle tamén proxectos ilusionantes a prol do coidado do medioambiente. Esta publicación, a primeira do 2024, abre cunha premisa chave que trae a antropóloga Yayo Herrero: atravesamos unha profunda crise ecosocial, derivada dunha perigosa fantasía construída ao abeiro do capitalismo e o patriarcado: a de que os seres humanos podemos vivir alleos aos límites da natureza. O seu artigo de apertura é unha boa antesala para mergullármonos logo, da man de Xosé de Cea, membro da Plataforma Ulloa Viva, nos sesenta anos de loita en defensa do Ulla ata os nosos días, ata Altri, un proxecto de macrocelulosa no corazón de Galiza cuxos impactos ambientais debulla o secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas, noutro dos artigos. A marea de pellets e o resto de crises que golpean o sector do mar teñen tamén o seu espazo na Cerna, a través da palabra de biólogos como Ricardo Beiras e o mariñeiro e divulgador Rogelio Santos Queiruga. Esta Cerna non esquece tampouco a crise do lixo, cun artigo do profesor da UDC Juan José Pernas sobre a xestión municipal dos residuos no marco da nova e recente lei. E da resposta ás crise pasamos ás respostas imaxinativas e ilusionantes para a educación ambiental e concienciación ecoloxista. As profesoras Lucía Parente e Horacio González achégannos a un traballo de Aprendizaxe Baseada en Proxectos feito no IES Lagoa de Antela (en Ourense), co obxectivo de concienciar o alumnado sobre a importancia da fauna mariña. Este número tamén recolle a experiencia dunha viaxe pola costa da Coruña para coñecer a súa biodiversidade a bordo do galeón Punta Pragueira, unha exitosa actividade desenvolvida por ADEGA no marco do seu convenio co Concello da Coruña. No eido do desenvolvemento sustentable, o profesor Francisco-Xabier Aguiar interpela o traballo social hexemónico a desenvolver un enfoque ecosocial con perspectiva crítica e politizada, en alianza co activismo ecoloxista. E de necesarias interseccións tamén vai o proxecto Lixo de Luxo, sobre o que versa outro dos artigos escrito por Esther (Eo) Mañoso e Alicia Corral. Ambas impulsan a comunidade Lixo de Luxo en Compostela, unha alternativa ao sistema actual de consumo a través das redes sociais, que procura colectivizar a sustentabilidade e dar unha segunda vida a calquera tipo de artigo. Vén logo un percorrido pola historia das árbores como aliadas antifascistas entre os anos 1935 e 1945, por xeografías quen van de Etiopía a Zagreb, pasando por Como, Guadalaxara, Euzkadi, Vinhais ou Casaio..
Seis seccións para coñecer mellor a nosa contorna natural
ADEGA presenta un número completo, coral e diverso en contidos que, ademais, recolle as súas seccións habituais sobre flora, ciencia cidadá e recursos culturais para afondar no coñecemento da natureza e das problemáticas ambientais. Ademais, a escritora Olga Novo volve achegarnos á ecopoesía con versos de Celso Emilio Ferreiro. A sección A-prender! Coñecementos que prenden na memoria e outra sobre patrimonio cultural de Galiza, da man da Rede do Patrimonio, pechan esta Revista Cerna que, noventa edicións despois, segue procurando ser casa da Galiza ecoloxista. Xa poden consultarse todos os artigos a través da páxina web adega.gal/revistacerna ou na plataforma ISSU.
|