A Coruña, 1 de abril de 2025.-A sexta edición do curso A protección do patrimonio histórico e a súa conexión co urbanismo, organizado polo Servizo de Formación Continua do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e ao que asisten xuíces e xuízas de diferentes comunidades autónomas, comezará mañá no auditorio do Museo dás Peregrinacións de Santiago de Compostela.
As xornadas formativas, que finalizarán o 4 de abril, serán inauguradas, a partir das 9:45 horas, pola presidenta da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), María Dolores Rivera Frade, quen dirixe o curso, e polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventuve, José López Campos. Nesta edición, trataranse temas de actualidade relacionados co turismo, entre os que destacan os límites do plan á vivenda de uso turístico; a necesidade dun turismo sostible nas cidades declaradas Patrimonio da Humanidade ou a implementación da taxa turística. Os relatores tamén debaterán nunha mesa redonda sobre o impacto no patrimonio da contaminación lumínica e o cambio climático, así como sobre os efectos que teñen os grafitis sobre el. Os asistentes, ademais, analizarán a protección do patrimonio arqueolóxico desde dúas vertentes: a arqueoloxía terrestre e a subacuática. A nivel local, abordarase a restauración dos Bens de Interese Cultural, en concreto, profundarase na restauración das cubertas da catedral de Santiago de Compostela. Entre os/as relatores, ademais de maxistrados e maxistradas do Tribunal Supremo, figuran catedráticos/as e expertos en diversos temas como arquitectos, avogados, unha artista urbana que obtivo o premio ao mellor mural do mundo en 2024 polo portal Street Art Cities ou a presidenta da Quinta Sección Bis do Tribunali Amministrativi Regionali Lazio-Roma.