O nadador Mateo García Castro, do Club Natación Arteixo, terá de novo a oportunidade de participar nunha importante cita internacional. Formará parte da Selección Española Junior que se trasladou ata a Illa de Cerdeña, en Italia, para participar no Campionato do Mundo Junior de Augas Abertas. O nadador arteixán clasificouse para dito campeonato polos seus resultados no Europeo celebrado no mes de xullo en Viena.
Mateo estivo a participar, xunto cos seus catro compañeir@s de selección, nunha concentración de adestramento en Sierra Nevada dende o 16 de agosto ata o momento da súa viaxe.
Nadará a proba de 10K o xoves día 5, e remuda mixta de 4x1500 o domingo día 8. A competición terá lugar en Mugoni Beach in Baia di Conti, na cidade de Alghero.