Entende que prexudicaría as investigacións con perspectiva galega, agravando o centralismo e mesmo conculcando a Lei de Memoria Democrática
Insta ao goberno a manter a documentación na súa actual localización e pide ao ámbito da investigación, o xornalismo e a historia que se unan á defensa “do noso patrimonio histórico documental”
9 de novembro de 2024.- A Iniciativa Galega pola Memoria, rede na que se integran a meirande parte das asociacións, fundacións e colectivos memorialistas de Galiza, quere manifestar a súa enorme preocupación pola nova do traslado a Madrid dos fondos máis importantes do Arquivo Militar de Ferrol, o que entende “suporía un golpe significativo á investigación e ás políticas de Memoria na nosa terra”.
O colectivo lembra que as causas e procedementos xudiciais do Tribunal Militar IV son fundamentais para a investigación e análise non só do golpe de Estado, a posterior ditadura e a violencia xenerada, senón tamén dos movementos sociais, obreiros e políticos na Galiza, dende o século XIX ata os anos 60, e por iso considera un prexuízo enorme a intención da Subdirección General de Publicaciones y Patrimonio Cultural do Ministerio de Defensa de afastar estes fondos documentais do seu usuario natural, o pobo galego: “Persoas investigadoras e historiadoras, familiares de vítimas, xornalistas, estudantado e profesorado das universidades galegas se verían na obriga de desprazarse a Madrid para ter acceso a unha documentación que xa estaba na súa terra o que afondaría no centralismo que xa ven sufrindo Galiza dende fai séculos”. Lembran que iso iría en contra da propia Constitución española, que no seu artigo 103.1 recolle que a Administración Pública debe server con obxectividade aos intereses xerais e actuar cos principios de eficacia e descentralización.
O colectivo subliña tamén que o traslado implicaría “unha vulneración manifesta da Lei de Memoria Democrática”, e en concreto o seu artigo 15, referente ao dereito das vítimas e dos seus familiares á verificación dos feitos, e o artigo 27, que garante o dereito ao acceso, libre e gratuíto aos arquivos públicos, algo que para o colectivo “será moito máis complicado, e incluso inviable para moitas das persoas investigadoras, de levarse esta documentación para Madrid”. Considera que contradi tamén o artigo 45, que fala do fomento da investigación,”pois suporá a imposibilidade de realizar proxectos de investigación de carácter rexional, local ou provincial que de seguro non terán o mesmo interese en Madrid que na Galiza, e incluso porá en risco algúns xa iniciados”.
Desde o convencemento de que “sen arquivos non hai memoria, non hai historia”, dende a IGM instan ao Goberno e aos respectivos ministerios implicados, “a garantir, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática, que os fondos do Arquivo Militar de Ferrol se manteñan na súa localización actual, a disposición da cidadanía galega, cuxa historia se conserva entre as paredes dese templo do coñecemento que é todo arquivo, e particularmente o arquivo ferrolán”.
Do mesmo xeito, queren instar “a todo o ámbito cultural, ao colectivo de persoas historiadoras, xornalistas e investigadoras, e a cidadanía galega en xeral a unirse a esta campaña de defensa en prol do noso patrimonio histórico documental. Para que a nosa historia non a teñan que facer desde fóra”.