A exmaxistrada da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) Isabel Olmos Parés será homenaxeada este venres, 25 de abril, por amigos/as e compañeiros/as, así como por diversas autoridades, con motivo da súa recente toma de posesión como maxistrada do Tribunal Supremo (TS). O evento celebrarase a partir das 14:30 horas, cunha comida no hotel NH Collection Finisterre, na Coruña.
Olmos foi nomeada maxistrada da Sala Cuarta do TS polo pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) na súa sesión do pasado 29 de xaneiro. O 25 de febreiro tomou posesión do seu cargo, xunto con 21 novos maxistrados e maxistradas do Tribunal Supremo, ante a súa Sala de Goberno, nun acto presidido pola presidenta do alto tribunal e do órgano de goberno dos xuíces/zas, Isabel Perelló.
Traxectoria profesional
Nada en Barcelona, ingresou o 13 de marzo de 1991 na carreira xudicial tras superar a oposición por quenda libre, sendo destinada ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº4 de Sant Boi de Llobregat. Dous anos despois, tomou posesión do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº1 de Carballo, onde exerceu como decana, tras o cal trasladouse a outro xulgado mixto de Manresa. En xaneiro de 1996 foi destinada ao Xulgado do Social nº2 de Ferrol e, despois, en 2002, ao Xulgado do Social nº1 da Coruña. Entre 2007 e febreiro de 2025 exerceu como maxistrada especialista na Sala do Social do TSXG. Ademais, entre setembro de 2023 e xuño de 2024, prestou servizos no Gabinete Técnico do Tribunal Supremo, como reforzo en apoio á decisión.
Doutora en Dereito pola Universidade da Coruña, é autora de máis dunha trintena de publicacións en revistas científicas e colaborou en obras colectivas. Ademais, participou como relatora en múltiples e variadas actividades organizadas polo CXPX, o Colexio de Avogados da Coruña, o Colexio de Graduados Sociais da Coruña, o Foro Aranzadi Social ou o Consello Galego de Relacións Laborais. Isabel Olmos tamén formou parte do equipo docente da Fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña e durante seis meses, entre setembro de 2020 e febreiro de 2021, realizou unha estancia como maxistrada nacional no Tribunal de Xustiza da Unión Europea.