A CGT da Coruña convoca, xunto á CNT, CUT e o Sindicato da Elevación, unha manifestación, que partirá ás 12.30 desde a Praza de Pontevedra, con motivo do 1º de maio.
Un ano máis, os sindicatos combativos e alternativos da cidade organizan unha manifestación conxunta baixo o lema “a clase traballadora en loita”. A saída está prevista ás 12.30 na Praza de Pontevedra; dende alí percorrerá as rúas de San Andrés e Panadeiras ata chegar ao Campo da Leña.
Desde a CGT revindican o papel da clase traballadora nun momento especialmente complicado no que as guerras, o xenocidio en Palestina e o rearmamento poñen en risco os dereitos fundamentais e a liberdade dos pobos. “O sistema capitalista é un sistema en decadencia que está a mostrar a súa cara máis cruel e desapiadada, atacando ás traballadoras máis precarizadas, ás racializadas, ás migrantes e ás disidentes". “Só a clase obreira organizada é capaz de cambiar o rumbo da historia”. Sinalan fontes deste sindicato.
Durante a mobilización tamén se esixirá o fin do xenocidio que está a cometer o Estado criminal de Israel contra o pobo palestino e reivindicarase o dereito a unha vivenda digna. Terán un papel destacado na manifestación as traballadoras e traballadores de Correos que reclaman un convenio xusto e un servizo postal público de calidade e as teleoperadoras que levan meses denunciando a deslocalización dos servizos, o que está a ocasionar a perda de centos de postos de traballo no Estado español, pero particularmente na Coruña.
Desde a CGT fan un chamamento ás traballadoras e traballadores para que participen masivamente nas mobilizacións do 1º de maio, ao mesmo tempo que a outros colectivos sociais e veciñais.
Ofreceranse declaracións aos medios de comunicación ás 12.20 na Praza de Pontevedra.