Información
A Coruña

Piden a retirada da CONCESIÓN por os graves incumprimentos na prestación do servizo de Novo Alicerce, empresa adxudicataria da xestión da Escola Infantil "A Ceboliña"

Información
21 Marzo 2019 521 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

A CIG realizou unha concentración este mércores ás portas do Concello de Miño para esixir do alcalde e do goberno municipal actuacións inmediatas diante dos graves incumprimentos laborais e na prestación do servizo por parte de Novo Alicerce, a empresa que ten adxudicada a xestión da Escola Infantil "A Ceboliña". Así mesmo, coa protesta quérese demandar a readmisión da traballadora á que a empresa despediu en represalia por ter reclamado os seus dereitos.

 

Dende a CIG-Ensino critican que, a pesar coñecer estes incumprimentos e de terse comprometido a mediar con Novo Alicerce, o Concello continúa "sen facer nada e parece que non lle importan nin os dereitos das traballadoras, nin as condicións laborais, nin a calidade do servizo que se presta. Sabemos que o alcalde se reuniu coas empresarias, pero isto non se traduciu en cambio ningún, todo segue igual", denuncian.

De feito, a día de hoxe, as traballadoras aínda non cobraron o salario de febreiro e tampouco se están a cubrir as ausencias (malia existir no prego unha partida económica fixa para cubrilas). Como non se fan as substitucións, a empresa obriga  as traballadoras a dobrar quendas, a facer horas extras e a asumir a atención dun número de crianzas por aula que supera con creces as ratios recomendadas, tal e como aconteceu o pasado luns, cando unha educadora quedou soa para atender a 27 nenos e nenas.

Esta carencia no servizo educativo xa foi denunciada pola CIG e as traballadoras tanto diante do Concello de Miño como na Consellaría de Política Social e tamén un grupo de nais presentou un escrito nas administracións local e autonómica por estes mesmos feitos e queixándose polas deficiencias no servizo.

"O alcalde non pode seguir mantendo a unha empresa que represalia as súas traballadoras por defender os seus dereitos, que non respecta o convenio colectivo, que de maneira habitual se atrasa no pago dos salarios e que non presta o servizo nas condicións esixidas", asevera a CIG-Ensino. Por isto, na concentración de hoxe reclamóuselle ao Concello de Miño que abra expediente á empresa e saque un novo concurso a licitación, pois o propio prego de condicións recolle como sanción á empresa a retirada do servizo, en caso de incumprimentos graves.

Eleccións sindicais na escola

Cómpre destacar que mañá xoves celebraranse nesta escola, por primeira vez, eleccións sindicais "e agardamos que a empresa non poña ningunha traba para o normal desenvolvemento do proceso". A este respecto, cómpre recordar que Novo Alicerce intensificou a persecución e as represalias contra as traballadoras cando estas decidiron organizarse coa CIG e convocar eleccións sindicais, ante a falta de respostas ás súas demandas laborais. Foi entón cando a empresa despediu a unha das educadoras, coa clara intención de amedrentar ao resto de compañeiras para que desistiran de facer eleccións e reivindicar os seus dereitos.

Así as cousas, a CIG-Ensino advirte que continuará denunciando todos e cada un dos incumprimentos "até que o Concello tome cartas neste conflito e obrigue a empresa a cumprir coas súas obrigas".

Otros articulos relacionados.....