
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio do levantamento de actas previas á ocupación dos terreos dos 203 predios afectados polo proxecto de ampliación e mellora da estrada provincial DP 6104 de Loiba a Picón, en Ortigueira.
Un proxecto no que a institución provincial investirá máis de 1,2 millóns de euros, dos que arredor de 1 millón corresponden ao financiamento das obras e os restantes 203.312 € destinaranse ás expropiacións necesarias para a súa execución.
Os veciños e veciñas propietarios dos terreos están citados os días 16 e 18 de outubro, entre as 16.30 e as 19.00 horas, no Local Social de Loiba.
Nos 250 metros que separan o aparcamento da zona do Picón construírase unha senda peonil de 2 metros de ancho que contribuirá a mellorar a seguridade peonil.
O orzamento total dos traballos é de 999.768,51 euros, aos que haberá que sumar outros 203.312,15 € para expropiacións. O prazo de execución previsto é de 9 meses a partir do inicio das obras.