
A concelleira de Obras, Ana Lamas, e o de Deportes, Antonio Golpe, visitaron o pavillón de Santa Mariña, onde no último mes se levaron a cabo traballos de substitución de elementos danados da cuberta e reparación de desperfectos que permitían o paso da auga. A instalación deportiva levaba anos sen someterse a mantemento, o que provocou abundantes filtracións de auga durante o pasado inverno. Por ese motivo, o Concello contratou, entre outras melloras, a reparación do teito, unha actuación que se iniciou a principios de maio e que acaba de concluír.
A obra tivo un custe de 33.867,90 euros e consistiu na colocación de novas pranchas de policarbonato na cuberta, pero tamén na fachada norte, e na instalación dun novo cumio. Ademais, revisáronse a totalidade dos parafusos que unen as partes do teito e cambiáronse os que estaban deteriorados, limpouse toda a superficie e desatascáronse canles e baixantes, parte das cales foron substituídas por estar deterioradas. As pranchas de aceiro que presentaban furados foron reparadas.