Formoso detallou que o Consorcio conta con dez parques na provincia da Coruña (Carballo, Arteixo, Boiro, Arzúa, Ordes, Betanzos, As Pontes, Cee, Santa Comba e Ribeira)e unha plantilla de 174 bombeiros profesionais

Información
A Coruña | 26 Septiembre 2019 | 1986 votos - Registrese para votar | Correo electrónico | Imprimir
social youtube xornalgalicia   feed-image

A Deputación de León interésase no modelo de xestión do Consorcio Contraincendios da Coruña para aplicalo na súa provincia

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, reuniuse hoxe na Coruña co seu homólogo da Deputación de Léon, Eduardo Morán, para explicarlle os detalles do modelo de creación e xestión do Consorcio Provincial Contraincendios coruñés.

 

A reunión enmárcase na rolda de visitas que o presidente leonés está a realizar para coñecer de primeira man os diferentes modelos que existen en España para a xestión dos servizos provinciais de extinción de incendios. Na reunión participaron tamén o xerente do Consorcio coruñés, José Luís Barca, e o deputado leonés Marcelo Alonso, ademáis de técnicos provinciais.

González Formoso, que ademáis da Deputación preside o Consorcio Provincial Contraincendios coruñés, explicou que este ente comezou a funcionar hai 15 anos e está integrado a partes iguais pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, que cofinancian tamén ao 50% o orzamento do ente, que o ano pasado pasado ascendeu a máis de 9,5 millóns de euros.

Formoso detallou tamén que o Consorcio conta con dez parques na provincia da Coruña (Carballo, Arteixo, Boiro, Arzúa, Ordes, Betanzos, As Pontes, Cee, Santa Comba e Ribeira), cuns tempos medios de resposta de entre 16 e 18 minutos e unha plantilla de 174 bombeiros profesionais e que, a partir do 1 de xaneiro de 2020, o servizo pasará a ser de xestión directa por parte da administración pública, o que suporá un aforro económico de 1 millón de euros anual, segundo os informes encargados ao respecto polo propio Consorcio.

León planea seis parques comarcais na súa provincia

Pola súa banda, o presidente da Deputación de León mostrouse interesado nos detalles do modelo coruñés e a posible aplicación dun modelo similar na súa provincia, contando coa participación da administración autonómica para o financiamento dos 6 parques comarcais que o goberno provincial leonés quere implantar no seu territorio e que cubrirían a xeografía da provincia cuns tempos de resposta de arredor de 30 minutos, complementando as dotacións de bombeiros xa existentes en León e Ponferrada.

León plantea a construción de parques en Villablino, Cistierna, Celada de la Vega, Bembibre, La Pola de Gordón e Valencia de Don Juan, todos eles con edificios de nova construción, salvo o de Villablino, onde se aproveitaría unha nave xa existente.

O Sepeis leonés pretende contar, segundo o plantexamento inicial, cunha plantilla de 84 traballadores, dos que 9 serán funcionarios e 75 bombeiros profesionais. Tamén veñen de adxudicar a compra de 21 vehículos que se distribuirán polos seis parques da rede provincial.