Compromiso propón un acordo para defender as competencias de Galicia ante os proxectos eólicos mariños.

Información
08 Agosto 2016 | 4513 votos

O secretario xeral de Compromiso por Galicia e candidato á presidencia da Xunta, Xoán Bascuas, demanda a unidade dos políticos para “defender o veredicto unánime do Parlamento de Galicia e o clamor social que existe” contra a instalación de parques eólicos mariños en augas interiores do noso país.

As autorizacións deste tipo de plataformas son competencia exclusiva de Galicia e non podemos baixar a garda para defender a voz e o autogoberno de Galicia” comentou Bascuas, lembrando que estamos ante un asunto que provocou consenso entre distintos partidos políticos. Agora o Tribunal Supremo eliminou o veto do Parlamento de Galicia que si foi avalado pola Audiencia Nacional.

Un estudo estratéxico ambiental do goberno do estado de 2009 abría a porta á instalación de parques eólicos mariños nun 75% da franxa costeira de Galicia. As previsibles consecuencias contra a flora, a fauna, o noso sector pesqueiro e os recursos mariños provocaron desde o principio unha forte oposición.

Desde Compromiso por Galicia pídese un pacto entre tódalas forzas políticas para “deixar clara a nosa oposición, reafirmar a nosa soberanía e que haxa un gran acordo para que o futuro goberno galego adopte as medidas oportunas neste asunto”.

social youtube xornalgalicia   feed-image