Información
Portada

A "Camelia e moda" expulsa as festas do PPdeG do Castelo de Soutomaior

Información
15 Febrero 2019 424 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1
Carmela Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer esta mañá as novas iniciativas impulsadas polo goberno no marco da campaña "Fame de experiencias" para desestacionalizar o turismo e continuar impulsando o castelo de Soutomaior como eixo de atracción e espazo para a cidadanía. Silva informou que desde hoxe é posible reservar praza, na web www.castelodesoutomaior.com,  para participar  en "Camelia e moda", as primeiras visitas caracterizadas ao Castelo que terán lugar os días 23 de febreiro e 3 e 10 de marzo.

 

Tres guías caracterizadas de María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Coco Chanel serán as protagonistas das visitas "Camelia e moda" que se desenvolverán en cinco sesións de hora e media de duración os días 23 de febreiro (11.00 horas), 3 e 10 de marzo (12.00 e 16.00 horas).  Así, da man destas tres mulleres, darase a coñecer tanto a musealización do Castelo de Soutomaior como os xardíns da camelia e a exposición "A moda en detalles", que estará dispoñible no castelo durante o mes de marzo.

Segundo informou Silva, participarán na visita caracterizada María Vinyals, Pardo Bazán e Chanel "por razóns evidentes". A presidenta da Deputación recordou que "María Vinyals foi unha das propietarias do castelo que transformou este espazo dun lugar para a guerra a un lugar para a paz, a cultura, as tertulias e as persoas".  Sobre outra das protagonistas, Emilia Pardo Bazán, a presidenta explicou que amais de ser amiga de Vinyals tamén recolleu nas súas obras reflexións sobre as camelias galegas. E, xunto a Vinyals e Pardo Bazán participará Coco Chanel, que compartía coas anteriores "dúas grandes paixóns: a moda, de aí que nos sirva de enlace para explicar cuestións relacionadas coa exposición "A moda en detalles" e a camelia". Amais, a presidenta provincial recordou que Chanel era unha grande entusiasta da camelia, "ata o punto de que adoptou esta flor, nun principio empregada polos homes, como símbolo e emblema da firma dende comezos da década dos anos 20 do século pasado".

Con "Camelia e moda" a Deputación de Pontevedra ten por obxectivo divulgar un novo xeito de descubrir a historia do Castelo de Soutomaior vivindo múltiples experiencias da man de guías oficiais caracterizadas de Vinyals, Pardo Bazán e Coco Chanel. Deste xeito, amais de coñecer o proxecto de musealización desenvolvido polo goberno de Carmela Silva no castelo e descubrir a historia de María Vinyals, a través desta primeira visita caracterizada é posible achegarse aos xardíns de camelia e complementar a visita cun percorrido pola "Moda en detalles", unha exposición pioneira que presenta fondos do Museo de Pontevedra nunca antes amosados.

En total, a Deputación de Pontevedra oferta 150 prazas, 30 por sesión.  Desde hoxe mesmo pódese reservar xa praza a través da web www.castelodesoutomaior.com.

A Ruta da Camelia

A presidenta da Deputación tamén presentou as visitas temáticas "A ruta da camelia" que terán lugar os días 21,26 e 28 de febreiro e o 5,7, 12 e 14 de marzo en dúas sesións diarias, ás 12.00 e 16.00 horas. Segundo detallou Carmela Silva estas visitas estarán guiadas por persoal do castelo de Soutomaior que darán a coñecer, durante unha hora, a Ruta da Camelia polos seus xardíns, declarados de Excelencia Internacional, e tendo en conta a época de floración na que nos atopamos

Neste eido, a presidenta provincial recordou que os xardíns do Castelo de Soutomaior contan con máis de 442 exemplares de camelia pertencentes a ata 25 especies diferentes, algunhas delas do século XIX. Entre os exemplares, Silva destacou un que está conformado por 18 troncos que medran desde a base da árbore e que forman a maior circunferencia da especie en Galicia.

Para participar nas visitas temáticas "A ruta da camelia" xa se pode formalizar a reserva de praza a través da páxina web www.castelodesoutomaior.com. En total ofértanse 450 prazas, 30 por cada unha das sesións.

lineaazul 1600

Otros articulos relacionados.....

As entradas sairán á venda en próximas datas cun prezo que...

Celebrarase do 5 ao 29 de abril nos restaurantes, ao igual que...

Con previsión de vientos flojos a moderados que además se harán...

20.03.2019.- As bases que rexen o certame pódense consultar no...

lineaazul 1600