Información
Portada

A CIG-Ensino consegue anular un clamoroso caso de enchufismo do (PPdeG) na Xunta no concurso de traslados

Información
26 Octubre 2018 713 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

concentracion pontevedra enchufismoA sentenza do TSXG constata “a desviación de poder, a torcida intencionalidade, o ocultismo e a evidente mostra de nepotismono caso da creación e adxudicación dunha praza na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra.

O TSXG vén de ditar unha sentenza na que confirma, unha por unha, todas as acusacións que a CIG-Ensino fixo nun caso de enchufismo coa creación “ad homine” e adxudicación dunha praza no concurso xeral de traslados do ano 2016 na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra.

 

A sentenza reproduce pormenorizadamente os feitos denunciados no seu momento polo sindicato e acusa de nepotismo á Consellaría de Educación. Estes feitos, como reproduce a sentenza, comezan xa no ano 2014 cando se pretende incorporar irregularmente a unha listaxe de interinos a unha persoa, naquel momento funcionaria de carreira en Asturias, que é cuñada de Susana López Abella, Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta, unha medida que se viu truncada logo da reclamación de diversas persoas prexudicadas.

A sentenza identifica perfectamente o modus operandi denunciado pola CIG-Ensino e que o propio tribunal cualifica de “torcida actuación” da Xunta para integrar a esa mesma persoa na función pública galega, creando unha praza dunha especialidade que non se imparte en Galiza e que non era necesaria no centro (Conservación e restauración de documento gráfico).

O alto tribunal constata, ademais, tal e como se denunciou desde o propio centro docente, que adxudicar esa praza supoñía trastornos no reparto das materias entre os diferentes departamentos.

Curiosamente, a defensa da Xunta chegou a presentar no xuízo un informe da Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial, na que vertían a seguinte afirmación: “a incorporación de docentes de especialidades distintas… podería reportar beneficios para unha mellor formación do alumnado a través do coñecemento de todas as especialidades”.

A sentenza critica duramente un feito que a CIG-Ensino vén denunciando reiteradamente: o ocultismo, a falta de transparencia da Consellaría de Educación, que negou información e respostas á CIG-Ensino mais tamén á Valedora do Pobo, a quen recorrera o sindicato con anterioridade por este mesmo caso.

Unha sentenza demoledora que anula o destino adxudicado e supón unha chamada de atención á falta de transparencia na Consellaría de Educación.

A sentenza estima o recurso da CIG-Ensino e anula a adxudicación do destino á profesora enchufada. A sentenza só pode ser recorrida perante o Tribunal Supremo se se acredita interese de casación. Como consecuencia, a docente a quen se quixo enchufar nunha praza inexistente queda agora sen destino. A CIG-Ensino esixe a execución inmediata da sentenza e reitera á súa demanda de asumir unha política de total transparencia na xestión das prazas que se ofertan nos diferentes concursos.

Así, a CIG-Ensino agarda que a negociación comprometida na última Mesa Sectorial sobre as vacantes a ofertar neste concurso de traslados colme as demandas do sindicato de xogar con total transparencia na información sobre horarios e prazas e supoña unha oferta de todas as prazas necesarias, rematando cunha situación de longa permanencia en expectativa para moito profesorado, especialmente dos corpos de secundaria, e reforce a estabilidade dos cadros docentes.

Esa mesma transparencia debe estenderse, como reclama desde hai anos a CIG-Ensino, aos destinos provisionais, regulando as materias afíns e os perfís das prazas , ou nos diferentes concursos de méritos.

Por outro lado, a CIG-Ensino insta á nova conselleira a poñer fin á política de escurantismo e ocultación de información ao sindicato maioritario por parte da Secretaría Xeral que desde hai anos se nega a dar resposta a solicitudes concretas da CIG-Ensino en materia de persoal, pretendendo entorpecer o noso traballo de control da actuación da Administración educativa e de defensa do profesorado do ensino público galego.

Un repaso ao traballo da CIG-Ensino para poñer freo a este caso de enchufismo

A CIG-Ensino denuncia un enchufe na adxudicación dunha praza na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra (abril 2016). Ligazón

Confírmase o enchufe da actual directora do MUPEGA na resolución definitiva do CXT. Ligazón

A CIG-Ensino promove unha protesta do profesorado e o alumnado do centro polo enchufe no concurso de traslados. Ligazón

Admitida a trámite a queixa da CIG-Ensino perante a Valedora do Pobo. Ligazón

A Valedora do Pobo considera insuficientes as explicacións da Consellaría no caso do enchufe na Escola de Restauración. Ligazón

A sentenza non deixa lugar a dúbidas: a Consellaría debe poñer fin á falta de transparencia e o enchufismo.

Estes indicios ou presuncións revisten no seu discorrer tal concatenación que, inevitabelmente, conducen a concluír que estamos ante un claro caso de desviación de poder, unha torcida actuación da Administración tendente a acadar unha finalidade contraria ao ordenamento xurídico….Non só non se actuou con transparencia senón que se fixo con manifesto ocultismo; impediuse o acceso á parte actora [CIG-Ensino] á información….Nin sequera a requirimentos do Valedor do Pobo”.

Non se aportou razón algunha que xustifique a convocatoria, oferta e adxudicación da praza…cando tal especialidade non existe nesta Comunidade Autónoma, non resulta necesaria a súa impartición e a adxudicación supón a incorporación dunha nova profesora en detrimento da calidade da docencia e o funcionamento interno dos departamentos.”

Tales circunstancias vense agravadas por outros feitos que resultan esclarecedores da torcida intencionalidade da referida conduta; así, cobra especial relevo a relación de parentesco entre a adxudicataria da praza e a Sra. López Abella, Directora (sic) Xeral de Igualdade da Consellaría de Presidencia….. Evidente mostra de nepotismo que, lonxe de perder arraigo na Administración Pública, parece reforzarse”

lineaazul 1600

Otros articulos relacionados.....

Na primeira xornada imos festexar o Día Internacional dda...

Os versos de Salvador García-Bodaño (Vigo, 1935) encherán este...

Hoxe luns, 18 de marzo, ás 12 h na casa do concello terá lugar...

Poderá concursar toda persoa física ou xurídica. As obras deberán...

lineaazul 1600